Rueda destaca nos Premios José Hermida o valor da radio escolar como ferramenta educativa

Trátase da primeira edición duns galardóns que recoñecen os mellores proxectos radiofónicos e podcasts de alumnos de Infantil, Primaria e Secundaria de centros da provincia de Pontevedra

Ven, 09/05/2025 - 17:18
Premios José Hermida

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe no acto de entrega dos Premios José Hermida, promovidos polo Grupo Radio Pontevedra, onde puxo en valor o traballo desenvolvido polos alumnos e alumnas participantes e a importancia dos medios radiofónicos en situacións de emerxencia.

Trátase da primeira edición duns galardóns que recoñecen os mellores proxectos radiofónicos e podcasts realizados por alumnos de Infantil, Primaria e Secundaria de centros da provincia de Pontevedra.

O titular do Goberno galego dou a “noraboa” aos participantes e sinalou a importancia de iniciativas como esta, que fomentan o uso responsable da palabra e do son como ferramentas de comunicación e aprendizaxe. Subliñou que os mozos e mozas que se implicaron neste certame demostraron talento e puxo en valor “o traballo en equipo” de profesores e alumnos.

O presidente animou aos estudantes a continuar explorando este como posible opción profesional nun futuro e aproveitou para lembrar a recente incidencia do gran apagamento acontecido o pasado 28 de abril, durante o cal moitos cidadáns comprobaron a relevancia da radio como medio sempre dispoñible. Neste contexto, destacou a súa capacidade de acompañar e informar cando outros medios deixan de estar operativos.