Román Rodríguez gaba o traballo de alumnos e docentes de Vigo para poñer en escena a ópera ‘Orfeo & Eurídice’

O conselleiro de Educación, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, asiste á estrea e felicita o CIFP Audiovisual, o Conservatorio Superior e a Escola Superior de Arte Dramático

Tamén participan os centros integrados de FP Manuel Antonio, Valentín Andrade e A Granxa (Ponteareas), a Escola Oficial de Idiomas de Vigo e o Instituto IES de Teis

Xov, 08/05/2025 - 20:45
Orfeo & Eurídice

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, asistiu esta tarde á estrea da ópera Orfeo & Eurídice, que varios centros de ensino da cidade poñen en escena. O titular do departamento educativo da Xunta, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez; felicitou os alumnos e profesores participantes pola súa capacidade para unir forzas e colaborar no desenvolvemento deste ambicioso proxecto. “Este tipo de iniciativas demostran a variedade e riquezas das ensinanzas que oferta o sistema educativo galego e da calidade das mesmas”, destacou o conselleiro.

Non en balde, os estudantes ocúpanse de todas as tarefas relativas á produción e representación da ópera, que conta coa participación de 26 músicos, 40 cantantes e 25 bailaríns, todos eles membros dos centros educativos organizadores.

En concreto, dos tres centros coprodutores, o Centro Integrado de FP Audiovisual encárgase da dirección da produción, a rexedoría, a iluminación, a gravación e subtitulación, as instalacións (camerino, teatro) e a promoción e difusión do evento. No caso do Conservatorio Superior de Música de Vigo, asume a dirección escénica e musical, así como a asistencia á produción, mentres que a Escola Superior de Arte Dramático se ocupa da dirección do coro e da coreografía, a escenografía e a posta en escena e movemento.

No caso dos centros colaboradores, o CIFP Manuel Antonio é o encargado do vestiario e do cátering para a estrea, mentres que a Escola Oficial de Idiomas de Vigo realizou a tradución do libreto. Tamén contribuíron á representación o Instituto IES de Teis e os centros integrados de FP Valentín Andrade e A Granxa (Ponteareas).