A Xunta inicia o deseño dun Plan de benestar dixital para garantir o uso saudable, seguro e responsable da tecnoloxía nas aulas

O conselleiro de Educación reúnese cun equipo de expertos nos eidos da pedagoxía, a medicina, a psicoloxía e a tecnoloxía para elaborar esta folla de ruta

Forman parte deste traballo os profesores universitarios Antonio Rial Boubeta e María Dolores Fernández Tilve e a presidenta da Sociedade de Pediatría, Susana Rey, entre outros

Román Rodríguez subliña a necesidade de artellar un documento “rigoroso e solvente” ao servizo da comunidade educativa

Este plan enmárcase dentro do conxunto de accións do Goberno galego para afianzar un modelo de ensino híbrido onde o modelo tradicional e o dixital se complementen

Mér, 07/05/2025 - 12:33
Román  falando cun grupo de persoas en pé

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, mantivo esta mañá unha reunión de traballo con expertos dos eido da docencia, da pedagoxía, da psicoloxía, da tecnoloxía e da medicina para a elaboración do Plan de benestar dixital do alumnado galego que garanta o uso saudable, seguro e responsable da tecnoloxía nas aulas.

 

O titular de Educación do Goberno galego subliñou que esta xuntanza se enmarca na prioridade do seu departamento de elaborar un texto “solvente e rigoroso” que sirva de guía ao sistema educativo nun contexto como o actual, caracterizado polo debate sobre o uso das novas tecnoloxías e a irrupción de novos desafíos como a intelixencia artificial, que precisan de equilibrios, certezas e evidencias científicas. “Neste obxectivo abrimos un proceso de escoita con profesionais expertos en distintos ámbitos para que nos fagan achegas que enriquecerán a nosa folla de ruta neste eido”, engadiu.

 

Con este plan impulsarase o uso responsable da tecnoloxía e a convivencia saudable cos dispositivos dixitais co fin de garantir o benestar emocional na infancia e na adolescencia, traballar na mellora do rendemento escolar e procurar a convivencia equilibrada a prol dun ensino híbrido, isto é, onde convivan en equilibrio o modelo tradicional e o dixital.

 

Trátase, pois, de que os centros conten cun plan que lles permita promover un bo uso e aproveitamento da tecnoloxía entre a comunidade educativa; minimizar o posible impacto negativo, sobre todo a nivel emocional; practicar a ciberconvivencia, e abordar a influencia de novos escenarios como é a incorporación da intelixencia artificial no ámbito educativo. Para iso, estableceranse liñas de acción vinculadas tanto ao profesorado, como aos alumnos, e ás familias. Paralelamente, tamén se actualizará o Plan de Acción Titorial para reforzar a comunicación e a colaboración entre os titores e as familias e se afondará na figura dos coordinadores de benestar e convivencia dos centros educativos.

 

Coa elaboración do Plan de benestar dixital darase resposta a unha demanda da comunidade educativa no marco da futura Lei de educación dixital de Galicia, un texto pioneiro a nivel estatal e europeo que se atopa en tramitación, así como con outras medidas como a actualización do programa E-Dixgal ou a prohibición do uso de dispositivos móbiles nos espazos educativos.

 

Expertos asistentes á reunión

Á xuntanza de traballo, presidida polo conselleiro Román Rodríguez, participaron como expertos en cada un dos ámbitos: Antonio Rial Boubeta, profesor do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da USC; Susana Rey García, médico pediatra e presidenta da Sociedade de Pediatría de Galicia; María Dolores Fernández Tilve, profesora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC; Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, e Ángel Rodríguez, director do Centro de Innovación Educativa e Dixital.

 

Tamén asistiron o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, así como técnicos deste departamento da Xunta.