Cultura e Educación pon en marcha no mes de maio unha programación especial para gozar do Gaiás en familia

Realizaranse dous obradoiros tecnolóxicos: Copia de Seguridade, no que os nenos descubrirán os misterios que agocha o mundo dixital; e Paleta Gráfica, onde os adultos poderán realizar unha orixinal película de animación

O domingo 13 de maio terá lugar unha nova sesión de Pequeclassics: Corda e Recorda, un concerto didáctico para aprender a diferenciar os sons

Galicia, Ceo das Letras dedicará o sábado 12 de maio ao escritor brasileiro Jorge Amado, que terá unha programación especial para que os nenos descubran ao autor

Dom, 15/04/2012 - 12:00
Cultura e Educación pon en marcha no mes de maio unha programación especial para
Cultura e Educación pon en marcha no mes de maio unha programación especial para gozar do Gaiás en familia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha na Cidade da Cultura unha programación especialmente pensada para que as familias poidan descubrir o gozar do complexo durante o mes de maio. Obradoiros a través dos que adquirir novos coñecementos, concertos didácticos que convidan ao divertimento, unha sesión coa que adentrarse un pouco máis na vida e obra de grandes escritores das nosas letras ou a construción dun maio son algunhas das actividades coas que Cultura e Educación busca facer da Cidade da Cultura un proxecto plural en constante evolución e sempre aberto a todos.

Fins de semana tecnolóxicas

As fins de semana de maio comezarán cun obradoiro tecnolóxico dirixido a maiores de 18 anos: Paleta gráfica, unha divertida actividade na que algo tan intanxible como o píxel se converterá nunha novidosa ferramenta para a arte. Este obradoiro terá lugar a fin de semana do 5 e 6 de maio e, nel, os participantes se sorprenderán de como a través de materias primas tan sinxelas como un panel de grandes dimensións e pequenos imáns de cores se pode dar vida a unha orixinal película de animación.

Os máis pequenos tamén terán a súa aproximación ao mundo tecnolóxico da man do obradoiro Copia de seguridade, co que a linguaxe dos ordenadores xa non terá segredos para ninguén. A través dun debuxo creado por eles mesmos, os rapaces que participen nesta actividade descubrirán a base tecnolóxica que fai posible a realización de fotos, debuxos animados ou películas. Como? Convertidos en artistas, os rapaces deberán realizar un debuxo que posteriormente será convertido nunha sucesión de ceros e uns, a linguaxe que utilizan os ordenadores. Un exemplo perfecto para entender como unha obra en papel pode verse nunha pantalla. Como complemento, cada un dos participantes levará para casa unha copia de seguridade do seu debuxo en papel traducido a este código, que poderá imprimir sempre e cando o desexe.

Este obradoiro terá lugar o sábado 19 de maio para nenos de 6 a 9 anos e o sábado 26 de maio para os de 10 a 14 nun horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:00. A venda de entradas tanto para os obradoiros de adultos como os infantís poderán adquirirse a partir do martes, 17 de abril, en www.servinova.com a un prezo de 3 euros máis gastos de xestión. Todas aquelas persoas que estean interesadas nos obradoiros e desexen ampliar información poden facelo en www.cidadedacultura.org.

Pequeclassics

O domingo 13 de maio, grandes e pequenos teñen unha nova cita co ciclo Pequeclassics. Nesta ocasión trátase de Corda e Recorda, un concerto didáctico especialmente pensado para nenos maiores de 3 anos a través do que poderán coñecer os diferentes sons dos instrumentos. Realizado pola Fundación L’Auditori de Barcelona, o concerto conta con dous pases: ás 12:00 e ás 17:00, e as entradas xa están á venda en www.servinova.com a un prezo de 5 euros máis gastos de xestión.

Galicia, Ceo das Letras

O día anterior, o sábado 12 de maio, a protagonista será a literatura. O escritor brasileiro Jorge Amado centrará a segunda sesión do ciclo Galicia, Ceo das Letras, cun relatorio a cargo do tradutor, crítico literario, ensaísta e narrador Basilio Losada e na que se proxectará o documental Jorgeamado no cinema, do cineasta brasileiro Glauber Rocha. Como novidade da edición deste ano, Galicia, Ceo das Letras conta cunha sesión infantil paralela onde, nenos de 6 a11 anos achegaranse á figura deste autor a través de obradoiros, xogos, actividades plásticas ou música na Biblioteca de Galicia. A participación neste ciclo é de balde previa inscrición en www.cidadedacultura.org.

Construíndo un maio

A cultura popular sempre está moi presente no Gaiás. Por iso, neste mes, Cultura e Educación promove unha das actividades máis ligadas á nosa tradición: a construción dun maio. A actividade terá lugar a fin de semana do 19 e o 20 de maio, cando nenos e adultos compoñan esta figura representativa. O primeiro día procederase a confeccionar o armazón con vimbios e madeiras e o segundo procederase a decorar con flores, froitas ou plantas. Unha composición que virá acompañada dun ritual de coplas tradicionais coas que exaltar a natureza e a primavera.