A Xunta celebra o Día da Ciencia en Galicia e traballa para impulsar o sector no panorama internacional

O acto, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias, está dedicado este ano ao Matemático Rodríguez, coincidindo co bicentenario do seu falecemento

Tamén se entregaron as Medallas de Investigación a cinco científicos galegos en activo das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e do CSIC

Mar, 08/10/2024 - 13:55
Salón cun comite sentados arredor

A Xunta de Galicia súmase a celebración do Día da Ciencia en Galicia, dedicado este ano ao Matemático Rodríguez. Organizado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), durante o acto fíxose un percorrido pola vida e obra do primeiro científico galego con pegada internacional, ademais da entrega da sexta edición das Medallas de Investigación.

 

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, asistiron a esta cita anual, onde puxeron en valor o labor da Academia a prol da ciencia en Galicia. “A entrega de medallas é un claro exemplo de como a RAGC busca destacar o traballo que se fai desde Galicia no eido da investigación científica”, sinalaron.

 

Este 2024 a Academia galega recoñece a traxectoria de cinco científicos galegos en activo das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e do CSIC. O investigador do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC Antonio Figueras recibiu a Medalla Ánxeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde; o catedrático de Economía Aplicada da USC Santiago Lago fíxose coa Medalla Domingo García-Sabell da sección de Ciencias Económicas e Sociais; o catedrático de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Uvigo Pedro Arias foi recoñecido no campo das Ciencias Técnicas coa Medalla Isidro Parga Pondal; o catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC e investigador do CiTIUS Alberto Bugarín recibiu a Medalla Enrique Vidal Abascal da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, e, finalmente, o investigador do CiQUS Diego Peña obtivo a Medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía.

 

Durante o acto tamén se proxectou un vídeo divulgativo sobre a José Rodríguez científico do ano, coincidindo co bicentenario do seu falecemento, e o catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC e académico da Real Academia de Farmacia de Galicia, Francisco Díaz-Fierros, impartiu unha conferencia ao redor da súa figura.