A Xunta apoia o desenvolvemento da actividade investigadora do CIQUS con máis de 3M€ ata 2027

Con esta achega, a Consellería de Ciencia e Universidades facilita a estabilidade económica dos proxectos e investigadores, entre os que se atopan catro Oportunius

O secretario xeral de Universidades e a directora da Axencia Galega de Innovación aplauden a máxima puntuación acadada na renovación da acreditación de excelencia

Mér, 17/07/2024 - 12:48
grupo de persoas en pé conversando e rindo, diante dun cartel do CIQUS

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitaron hoxe o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Molecurales (CIQUS), da Universidade de Santiago de Compostela, para coñecer os seus proxectos e investigadores de excelencia, entre os que se atopan catro Oportunius.

 

Esta visita realízase tras a renovación da acreditación de excelencia deste centro pertencente á Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia, que acadou a máxima puntuación neste proceso onde se avaliou a súa traxectoria e rendemento. Deste xeito, a Xunta de Galicia apoiará o desenvolvemento da súa actividade con máis de 3M€ ata o ano 2027, favorecendo a estabilidade económica dos seus proxectos.

 

O CIQUS, centrado na saúde, biomedicina e sustentabilidade, captou no período 2019-2022 máis de 31M€, o que supón un incremento do 78% con respecto ao período anterior, alcanzando un récord de captación no ano 2023 con máis de 11M€. Conta con máis de 200 investigadores traballando en 18 grupos de investigación, do que o 50% son estudantes de doutoramento.

 

Os representantes da Consellería de Ciencia e Universidades puideron coñecer de primeira man o traballo que se realiza nas súas instalacións, onde se desenvolven 12 proxectos ERC (Consejo Europeo de Investigación) liderados por oito investigadores de excelencia. Ademais, destacan 14 proxectos de valorización, innovación e proba de concepto, así como a concesión de 14 patentes e a publicación de máis de 100 artigos científicos ao ano. O CIQUS tamén é sobresaínte á hora de captar talento e programas internacionais: desde o 2019, realizáronse 15 contratos posdoutorais Marie Curie e tres redes Marie Curie de doutoramento.