A Xunta lanza o primeiro premio ‘ConVivimos’, para recoñecer o bo traballo e o compromiso dos centros educativos a prol da convivencia e o benestar
O galardón está dotado con 18.000€ que se repartirán en catro distincións específicas para a etapa de Primaria e outros tantos para a de Secundaria
Esta nova acción incorpórase ao conxunto de medidas da Consellería de Educación neste eido prioritario no que está a investir de máis de 3,3M€
A Xunta de Galicia vén de lanzar o primeiro premio ConVivimos, de convivencia e benestar para recoñecer o bo traballo, a implicación, o esforzo dos centros educativos a prol das melloras enfocadas a consolidar a convivencia positiva nas aulas baixo o paraugas de respecto e equidade.
Impulsado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, a finalidade deste novo galardón é destacar aquelas actuacións e proxectos desenvolvidos desde colexios e institutos que impliquen un alto grao de compromiso coa mellora da convivencia escolar e do benestar emocional, así como para visualizar o esforzo realizado polos centros neste eido.
Tal e como pode consultarse no Portal Educativo, a convocatoria vai destinada a todos os centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, que dispoñen de prazo ata o 23 de outubro para presentar os seus proxectos, que poden ser de carácter individual ou colectivo. Cada centro poderá presentar unha única solicitude que irá acompañada dunha memoria descritiva do conxunto de actuacións levadas a cabo en materia de convivencia e benestar emocional.
Categoría e importes
Unha comisión de selección encargarase de avaliar os proxectos presentados, tendo en conta aspectos como a calidade das accións desenvolvidas, a coordinación docente, a implicación da comunidade educativa, o impacto no proceso de ensino-aprendizaxe e a súa repercusión no conxunto do centro, entre outros.
A Consellería destina un total de 18.000€ a este galardón, que se distribuirán a razón de catro premios (primeiro, segundo, terceiro e mención de honra) para a modalidade de Primaria e outros tantos para a de Secundaria (que abrangue ESO, Bacharelato, FP, formación de persoas adultas e ensinanzas de réxime especial). Así pois, o centro que acade o primeiro premio recibirá 5.000€, o segundo recibirá 2.500€, o terceiro 1.000€ e a mención de honra 500€.
Estratexia de convivencia escolar
O premio ConVivimos forma parte da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025 e incorpórase ao paquete de medidas neste ámbito impulsadas pola Consellería de Educación e que suman un investimento de 3,3M€.
Cómpre lembrar que o Goberno galego sitúa o benestar emocional no ensino como unha prioridade estratéxica que agora se reforza con esta nova iniciativa. Nesta liña, a Consellería de Educación vén de darlle un novo pulo ao Plan de Benestar Emocional, que é a folla de ruta de cabeceira neste ámbito, co deseño dunha guía que o amplía e mellora, facilitando a súa aplicación mediante estratexias de resolución.