A Xunta ofrecerá este curso estadías lingüísticas a 3.400 alumnos con axudas de 3 M€ para as familias

Mañá adxudicará as bolsas para 1.200 estudantes desde 6º de primaria a 4º da ESO que participarán este outono na experiencia de inmersión Digital Week

En primavera, outros 1.550 rapaces asistirán a Spring Week e 650 máis, neste caso de bacharelato, viaxarán no verán a países como Reino Unido, Irlanda, Canadá, Francia, Alemaña e Portugal

En total, son un centenar de prazas máis que no pasado curso escolar

As familias gozan das estadías de balde durante o curso e a Consellería de Educación sufraga entre o 87 % e o 50 % do importe das actividades de verán

Outros 3.800 estudantes recibirán cursos de linguas estranxeiras nos seus centros, fóra do horario lectivo, como clases extraescolares para perfeccionar o idioma

Xov, 14/09/2023 - 17:24
i

Os tres programas de estadías lingüísticas da Xunta de Galicia permitirán neste curso 2023/24 que 3.400 alumnos melloren as súas competencias en idiomas: os programas Digital Week, no outono; Spring Week, na primavera, e as estadías lingüísticas do verán, denominado Axudasle, cun investimento de máis de 3 M€ destinado ás familias galegas, que acceden aos dous primeiros programas totalmente de balde, favorecendo a igualdade de oportunidades. Ademais, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades sufraga entre o 87 % e o 50 % do custo das estadías dos estudantes de bacharelato nos meses de verán no estranxeiro. En conxunto, a oferta para o novo ano académico supera nun centenar de prazas o pasado.

O Goberno autonómico adxudicará mañá mesmo as prazas para o primeiro dos programas, que se desenvolverá durante o outono. Serán 1.200 os alumnos de entre 6º de primaria e 4º da ESO que gocen da experiencia Digital Week. O obxectivo da actividade é a práctica do inglés e o seu uso en contextos comunicativos diversificados e enfocados cara á mellora da comunicación oral a través de actividades dixitais, co apoio de profesorado nativo. Así mesmo, desenvólvense actividades complementarias que promoven a actividade física e a socialización. A actividade terá lugar en dez quendas diferentes dunha semana de duración entre o 1 de outubro e o 16 de decembro no Centro de Inmersión Lingüística dos Peares.

Apoio de profesorado nativo

No caso da Spring Week, serán 1.550 os estudantes de 6º de primaria e os catro cursos da ESO os que participen neste programa entre abril e xuño de 2024. A actividade baséase na estimulación da práctica oral da lingua inglesa e o seu uso en contextos comunicativos máis amplos que os que permite a contorna escolar, así como a contextualización en temáticas de interese cultural, social, artístico e ambiental. Conta tamén co apoio de profesorado nativo, ao igual que no caso de Digital Week.

Por último, este curso convocaranse un total de 650 prazas para as estadías no estranxeiro durante o verán dirixidas a alumnado de bacharelato. Cunha duración de tres semanas en réxime residencial ou familiar no mes de agosto, o obxectivo de Axudasle é que o alumnado mellore as súas competencias na lingua do país de destino, ao tempo que entra en contacto con outras persoas, culturas e realidades. Os países de destino serán Reino Unido, Irlanda, Canadá, Francia, Alemaña e Portugal.

A través do programa, a Xunta faise cargo de parte dos gastos de contratación dos monitores que acompañan cada grupo, mantemento e aloxamento, traslados para actividades, docencia e material escolar, actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos, seguros de accidentes e certificado de realización do curso.

Programas de Edulingüe 2030

Estas tres actividades enmárcanse na Estratexia galega de linguas estranxeiras, Edulingüe2030, que inclúe medidas e accións para mellorar a competencia en linguas estranxeiras do alumnado galego. De feito, a liña de impacto 7 (Programa de inmersión lingüística activa) recolle estadías que permitan a formación integral do alumnado para o seu enriquecemento persoal, académico e profesional. No caso da Digital Week, enmárcase tamén na Estratexia educación dixital Edudixital2030, que ten como obxectivo favorecer a adquisición de competencias no ámbito dixital e STEM.

Neste contexto, a Xunta de Galicia impulsa outras accións, como a Rede galega de centros plurilingües, con 511 centros este curso (18 máis ca o pasado); o plurilingüismo na formación profesional, con case 140 ciclos impartindo parte do seu currículo nunha lingua estranxeira ou o programa PluriArt, ao abeiro do cal cursan ensinanzas artísticas co modelo plurilingüe arredor de 600 alumnos de 11 centros. Este sistema está apoiado por 655 auxiliares de conversa nativos, 18 máis ca no curso 2022/23.

Ademais, preto de 3.800 estudantes de 46 centros educativos de toda Galicia recibirán cursos de linguas estranxeiras nos seus centros, fóra do horario lectivo, como clases extraescolares para perfeccionar o idioma, ao abeiro do programa Cuale que organiza a Xunta. Xa no eido dos intercambios, un total de 900 alumnos galegos poderán integrarse este curso no sistema educativo doutros países a través do programa EduExchanges, de promoción dos intercambios entre estudantes para crear e consolidar proxectos de cooperación educativa e asociacións entre as distintas partes.

Líderes en resultados

Todas estas iniciativas son totalmente de balde para as familias, o que favorece a igualdade de oportunidades e contribúe a afianzar o bo nivel en linguas estranxeiras do ensino da comunidade. Non en balde, segundo o informe internacional EF EPI, a única avaliación deste tipo, o alumnado galego ten o mellor nivel de inglés de todas as comunidades autónomas, ao pasar nos últimos anos do décimo posto ao primeiro e superando amplamente, con 584 puntos, a media de España (545).