A Xunta reforza a formación profesional galega coa creación de tres novos centros integrados en Vigo, Pontevedra e Ourense

A Consellería de Educación eleva un informe ao Consello no que dá conta da conversión en CIFP dos institutos Audiovisual, Montecelo e Vilamarín

Nestes novos centros especializados reforzaranse as familias profesionais de Sanidade, Imaxe e son e Hostalaría

Esta transformación permitirá ampliar a oferta e establecer novas sinerxías co tecido socioprodutivo da contorna de cada un dos novos centros integrados

O próximo curso Galicia contará cun total de 27 centros deste tipo fronte aos 11 que había en 2009

A rede de Centros Integrados de FP configúranse como un instrumento fundamental para seguir potenciando estas ensinanzas como sinónimo de calidade, innovación, emprendemento e empregabilidade

Actualmente aglutinan un 46% das matrículas dos máis de 60.000 alumnos que cursan ciclos formativos en Galicia

Xov, 08/06/2023 - 21:57
ci

O Consello da Xunta avaliou hoxe un informe da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades onde se dá conta da creación de tres novos centros integrados de FP. Trátase, concretamente, da transformación en centro integrado dos institutos de Educación Secundaria IES Audiovisual de Vigo, IES Montecelo de Pontevedra e IES de Vilamarín (en Ourense). Deste xeito a Xunta de Galicia reforza a estrutura estratéxica da FP galega, aumentando ata 27 o número de CIFP dependentes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para o curso 2023/2024, fronte aos 11 que había en 2009. A transformación destes tres institutos en centros integrados de FP vai permitir potenciar a oferta e establecer novas sinerxías co tecido socioprodutivo da contorna de cada un deles.

Precisamente, a ampliación da rede de centros de FP é un dos obxectivos recollidos na Estratexia de FP Galicia 2030, que establece como un dos seus eixes promover o papel dos centros integrados de excelencia como referencia para cada familia profesional e sector produtivo e que estes centros desenvolvan accións de innovación do profesorado coa participación activa do tecido empresarial e de institución.

Reforzo das familias profesionais de Sanidade, Imaxe e Son e Hostalaría

No caso do actual Instituto Audiovisual de Vigo, a súa conversión en Centro Integrado de FP suporá implementar a familia profesional Imaxe e Son, para dar servizo ao sector audiovisual no ámbito sur de Galicia. Deste xeito a cidade de Vigo aglutinará tres dos sete centros deste tipo cos que contará a provincia a partir de setembro.

A conversión en Centro Integrado de FP do IES Montecelo permitirá reforzar a especialización deste centro na familia profesional de Sanidade na área de Pontevedra, o que redundará nunha maior oferta de profesionais sanitarios.

No Concello de Vilamarín, en Ourense, a transformación do seu Instituto en Centro Integrado de Formación Profesional é unha aposta polo sector agro-hostaleiro, no que xa é unha referencia, e na aposta pola hostalaría sostible de quilómetro cero. Así, a provincia de Ourense pasará de tres a catro centros deste tipo, e no caso de Vilamarín, tamén implica unha firme aposta por estas ensinanzas no rural, xa que actualmente están todos eles radicados na cidade das burgas.

Calidade, innovación, emprendemento e empregabilidade

Actualmente son 24 os Centros Integrados de FP que constitúen o eixe vertebrado da FP galega, e que se conciben como instrumentos fundamentais para seguir potenciando a Formación Profesional galega como sinónimo de calidade e de empregabilidade, grazas ao establecemento dunha oferta modular, flexible, de calidade e adaptada ás demandas socio-económicas. De feito tres deles (Carlos Oroza de Pontevedra, As Mercedes de Lugo e Ánxel Casal-Monte Alto da Coruña) veñen de incorporarse recentemente á Rede Estatal de Centros de Excelencia coa máxima puntuación de España.

Esta rede, que aglutina un 46% das matrículas dos máis de 60.000 alumnos que cursan ciclos formativos en Galicia, xoga un papel destacado na aposta pola constante innovación na FP. Non en balde, todos eles contan con aulas de tecnoloxía aplicada dotadas cos equipamentos máis avanzados en ámbitos como a ciberseguridade, a simulación virtual, a biotecnoloxía ou a fabricación aditiva. Outra das liñas de traballo destacadas destes centros é o emprendemento, a través dos viveiros de empresas que funcionan en cada un deles e nos cales se prioriza a relación constante co sistema produtivo.

Ademais, estes centros son axentes para o procedemento de avaliación, recoñecemento, e acreditación de competencias profesionais, xa que contribúen á acreditación das experiencia profesional dos traballadores.

Nesta lexislatura xa se crearon centros integrados de FP en Ferrol, Culleredo, Pontedeume e Vilagarcía de Arousa.