A Xunta e os oito centros de investigación universitaria punteiros preparan un plan para ampliar o seu labor

Román Rodríguez avoga por “accións coordinadas para consolidar a excelencia e incrementar o impacto social” do labor destes equipos que contan con 1.400 científicos

Dom, 04/06/2023 - 10:05
i

A Xunta e os oito centros de investigación universitaria punteiros de Galicia que integran a Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS) preparan un plan de traballo centrado no reforzo de actuacións estratéxicas, de actividades de networking con outros sistemas de investigación, na formación do persoal investigador e de xestión e na incorporación da perspectiva de xénero na xestión dos centros e o deseño da investigación, entre outros.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, mantivo esta semana unha reunión con todos eles na que se abordou o plan de financiamento para os vindeiros anos, cuestión na que a Xunta referendou o seu compromiso de investimento público que dará continuidade aos máis de 36M€ investidos nestes centros desde o ano 2016.

Román Rodríguez destacou a importancia da posta en marcha de “accións estratéxicas e coordinadas” entre estes centros punteiros xa que isto “contribúe a consolidar a súa excelencia, incrementar o seu impacto social e situar o sistema de investigación universitario galego como referente científico no panorama nacional e internacional”.

I+D+i máis forte e competitivo

Precisamente para impulsar esta coordinación e cooperación, a Xunta de Galicia vén traballando coas universidades no impulso de iniciativas enfocada a acadar unha estrutura de I+D+i máis forte e competitiva, que atraia talento e, de xeito paralelo, mellore a posición das universidades nos ránking internacionais. Neste contexto creouse a Rede CIGUS, integrada polos mencionados centros, que son obxecto dun financiamento estrutural por parte da Xunta, o que lles garante o seu funcionamento a medio e longo prazo.

Na xuntanza de traballo estiveron representados os equipos directivos do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), do Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS), do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (ATLANTTIC) do Centro de Investigación Mariña (CIM) e do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO). Estes centros concentran preto de 1.400 científicos e 24 spin-offs desenvolvidas no período 2019-2021.

Así mesmo, interviron como representantes do Grupo de Traballo de Alto Nivel Carmen Vela, investigadora e ex secretaria de Estado de Investigación; Lluís Rovira, director dos centros de investigación de Cataluña, e Luis Sanz-Menéndez, investigador do Instituto de Políticas y Bienes Públicos do CSIC.