A Xunta incrementa nun 20% a achega a 13 entidades de atención á discapacidade para faciliTar o servizo de comedor escolar a máis de 500 alumnos
O incremento vai na liña ao realizado nos comedores xestionados pola Consellería de Educación e ten como obxecto compensar a subida de prezos
Cun investimento total de 256.800€, favorécese a prestación deste servizo adaptado ás necesidades destes usuarios
Esta acción enmárcase no compromiso da Xunta coa atención á diversidade, que converte ao sistema educativo galego no máis inclusivo de España
A Xunta incrementa nun 20% a achega ás entidades de atención á discapacidade para a xestión do servizo de comedor escolar adaptado o vindeiro curso, na liña do incremento realizado tamén nos comedores xestionados pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á sinatura das addendas aos convenios que mantén con estas asociacións, que contarán cun orzamento total de 256.800€, co que poderán facer fronte á inflación. En total, beneficiaranse 503 alumnos, 12 máis ca no actual curso.
En concreto, asinaranse addendas aos convenios xa subscritos coa Asociación de Apoyo a Personas con Diversidad Intelectual (ACEESCA), coa Asociación de Atención a la Parálisis Cerebral y Afines (AMENCER—ASPACE), coa Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade Psíquica das Comarcas do Barbanza e Noia (AMICOS), coa Asociación de Padres de Personas con Parálisis Cerebral – A Coruña (ASPACE), coa Asociación de Pais de Persoas con Trastornos do Espectro Autista da Provincia da Coruña (ASPANAES), coa Asociación en Favor de las Personas con Discapacidad Intelectual de la Provincia de Pontevedra (ASPANAEX), coa Asociación Pro Personas con Discapacidad Intelectual de Galicia (ASPRONAGA), coa Asociación Autismo Ourense, con Hogar y Clínica San Rafael de Vigo, coa Asociación BS A Esperanza do Val Miñor, coa Fundación Menela, coa Asociación San Xerome Emiliani e coa Asociación Nuestra Señora de Chamorro.
O obxectivo destes acordos é facilitar a este alumnado o servizo de comedor adaptado ás súas particulares necesidades, de tal forma que as asociacións colaboradoras asumen a súa atención e coidado durante o período comprendido entre o fin das clases e o remate do servizo de comedor. Deste xeito, o alumnado pode aproveitar o carácter didáctico do comedor no que atinxe á aprendizaxe de habilidades que redunden nunha maior autonomía persoal e, polo tanto, nunha maior inclusión.
Para iso Xunta compensará cada trimestre ás entidades e asociacións polos gastos derivados da colaboración mutua na prestación do servizo de comedor escolar, coa cantidade global que resulte de multiplicar o prezo marcado para o menú polo número de días da prestación efectiva do servizo e polo número de alumnos con discapacidade escolarizados por ditame de Administración Educativa.
O prezo establecido para o menú oscila en función do número de usuarios. En calquera caso, o importe máximo increméntase ata os 2,88€ (ata o momento eran 2,40€) e o mínimo ata os 2,84 (ata o momento 2,37€).
O sistema máis inclusivo
Esta acción enmárcase no compromiso do Goberno galego coa atención á diversidade. Non en balde, o sistema educativo galego vén de situarse, un ano máis, como o máis inclusivo de España, co 94% do alumnado galego con necesidades especiais está escolarizado en centros ordinarios, segundo os datos do Ministerio de Educación y FP.
Ademais, a Xunta está a preparar a futura Estratexia de Inclusión Educativa co fin de avanzar na consolidación dunha escola plenamente inclusiva na que se dea resposta ás necesidades e ás capacidades do conxunto do alumnado.