A Directora Xeral de FP, destaca a aposta dos centros das comarcas de Verín, A Limia e Baixa Limia pola FP, coa oferta de 14 ciclos e máis de 300 alumnos

Eugenia Pérez participa no encontro territorial do Plan Conecta FP para a zona, que reúne a un cento de persoas para deseñar a oferta dos próximo cursos

Son catro os institutos da zona que ofertas estas ensinanzas, polas que se decantan un 13,5% máis de alumnos que hai unha década

Xov, 01/06/2023 - 15:36
p

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participaron hoxe no encontro territorial do Plan Conecta FP da Xunta para as comarcas de Verín, A Limia e Baixa Limia. Un cento de persoas, entre docentes e representantes de firmas empresariais e de centros educativos, reúnense nesta cita para analizar as necesidades do tecido produtivo da zona e deseñar unha oferta de ciclos e másteres de FP para os vindeiros cursos que permita darlle resposta ás demandas das empresas e, deste xeito, mellorar a empregabilidade dos titulados.

A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou a aposta dos centros destas comarcas pola FP. "Non en balde, este instituto e os Aquis Querquennis (Bande), Lagoa de Antela e Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia) imparten un total de 14 ciclos este curso, con 303 matriculados, un 13,5% máis dos que optaban por estas ensinanzas hai unha década".

Ademais do alumnado e do profesorado dos centros e institutos da comarca que imparten ensinanzas de FP, tamén interviñeron representantes de institucións e empresas da zona como o Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, Xoiería Pato e Pallozas Turísticas Ridicodias.

Creación de 9.500 prazas

O celebrado esta mañá no Instituto IES García Barbón de Verín é un dos 14 encontros territoriais que a Xunta está a organizar dentro do Plan Conecta FP para crear 9.500 novas prazas de FP. Ademais, hai outros cinco encontros sectoriais. A partir de cada un deles créanse outros 19 grupos de traballo que identificarán as necesidades actuais e futuras das empresas, analizarán as posibles transformacións produtivas e a súa implicación nos novos perfís profesionais relacionados con empregos futuros. Da análise de cada un dos grupos xurdirán plans de acción de formación especializada para cada ámbito profesional e territorial, que conformarán o Plan Conecta FP Galicia para deseñar e planificar a oferta destas ensinanzas á medida do tecido produtivo galego e de cada zona.

O obxectivo deste plan é formar profesionais cualificados que dean maior e mellor resposta ás necesidades das empresas e favorezan a súa competitividade, así como a confianza da industria na FP. Isto redundará, ademais, nunha maior empregabilidade da poboación nova.

Programa da xornada

Xunto coa directora xeral, interveu o presidente da Asociación de Empresarios de Verín, José Ángel Rodicio. Tras o acto de apertura, a xornada continuou co relatorio A Formación Profesional como vía de capacitación, a cargo da subdirectora xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo, Cristina Lesta.

Así mesmo, desenvólvese unha mesa redonda arredor da FP Dual, das necesidades do sector produtivo e da importancia da acreditación de competencias dos traballadores. Nela participan tanto representantes de centros educativos como de empresas. A xornada culmina co desenvolvemento dun espazo networking, coa finalidade de que os asistentes poidan tecer novas redes profesionais.