A directora xeral de FP destaca o prestixio do Campionato de sumillería Suso Domínguez no ámbito da FP de Hostalaría

Eugenia Pérez participa na entrega dos premios da novena edición deste certame, organizado polo Centro Integrado de FP Carlos Oroza de Pontevedra

A Xunta vai investir case 2,8M€ na ampliación deste centro de referencia nestas ensinanzas

Ven, 17/03/2023 - 13:10
s

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participou hoxe na entrega dos premios do IX Campionato de Sumillería Suso Domínguez, do que destacou o seu prestixio no ámbito da FP de Hostalaría, un sector dos prioritarios no Plan Conecta FP . “Esta é, ademais, unha cita xa moi consolidada na que se reúnen estudantes de todo o norte de España e Portugal e que funciona como punto de encontro de centros de referencia destas ensinanzas, de establecemento de novas sinerxías e de creación de oportunidades”, dixo.

A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou tamén o feito de que o certame homenaxee a un profesor do centro, xa falecido, “o que lle confire un especial valor para a comunidade educativa do Carlos Oroza”. No campionato, que se celebra na Adega Martín Códax de Cambados, toman parte alumnado de centros de FP de Hostalaría e Turismo de Galicia, Asturias, Segovia, León, Navarra e Portugal.

A directora xeral lembrou, ademais, que a Xunta de Galicia vai investir case 2,8 M€ na ampliación do Carlos Oroza, “un esforzo orzamentario moi importante co que seguimos dando resposta ás necesidades deste centro, que ten avanzado moi significativamente na última década”.

Ampla oferta formativa

O CIFP Carlos Oroza conta cunha ampla oferta de estudios de distintas especialidades vinculadas á familia de Hostalaría e turismo, con dous ciclos de FP Dual (de Xestión de aloxamentos turísticos e a dobre titulación en Dirección de cociña e Dirección de servizos de restauración) e un curso de especialización en Panadaría e bolaría artesanais.

Así mesmo, imparte o ciclo básico en Cociña e restauración, tres ciclos medios en Cociña e gastronomía, en Panadaría, repostaría e confeitaría e en Servizos en restauración; os ciclos superiores en Dirección de cociña, en Dirección de servicios de restauración, en Guía información e asistencia turísticas e en Xestión de aloxamentos turísticos.

O centro forma parte, ademais, da Rede galega de Formación Profesional de Hostalaría de Galicia, un espazo para a innovación e o intercambio de experiencias, de tal forma que favoreza o impulso dun sector que é clave para a economía de Galicia. Está integrada polos oito centros públicos dependentes da Consellería de Educación desta especialidade formativa, en concreto os CIFPs Paseo das Pontes (A Coruña), Compostela (Santiago de Compostela), Carlos Oroza (Pontevedra) e Manuel Antonio (Vigo), ademais dos IES Fraga do Eume (Pontedeume), de Foz (Foz), Sanxillao (Lugo) e de Vilamarín (Vilamarín).