A Xunta convida aos centros educativos a celebrar con Ponte... nas ondas! O día mundial da radio

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na presentación das actividades que a asociación está a preparar para o 13 de febreiro

Mar, 07/02/2023 - 19:08
ponte nas ondas

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da 12ª edición do Día Mundial da Radio organizado polo programa educativo Ponte... nas Ondas! coa que os institutos e colexios galegos terán a oportunidade de celebrar esta efeméride que se conmemora o vindeiro 13 de febreiro. O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades animou aos centros educativos galegos a participar “e concienciar á rapazada da importancia desta iniciativa especialmente despois de ser recoñecida pola Unesco no Rexistro de Boas Prácticas do Patrimonio Cultural Inmaterial”.

Neste sentido, gabou o papel realizado por este programa educativo nos últimos 27 anos “nos que constatou ser un exemplo a seguir polo seu excelente uso das radios escolares como ferramentas claves da aprendizaxe da man do patrimonio cultural a ambos lados da fronteira galego-portuguesa”, indicou.

Para as conmemoracións deste ano do Día da Radio Ponte... nas ondas! conta cun programa para os centros escolares. Entre as súas propostas inclúese acudir a radios municipais ou profesionais próximos para realizar desde alí un programa en directo, realizar podcasts sobre patrimonio cultural ou sobre o tema proposto este ano pola Unesco: radio e paz. Ademais, tamén propón a realización dun podcast de presentación da radio da escola ou instituto describindo a súa actividade, os seus recursos e os seus traballos. Toda a información está dispoñible na web Escolas nas Ondas. Os traballos deberán enviarse antes do día 9 de febreiro a web@escolasnasondas.com e o 13 de febreiro serán emitidos por Ponte... nas ondas!.