A Xunta reforzará o apoio aos oito centros da Rede de Investigación Universitaria de Galicia tras investir preto de 30M€ nos últimos cinco anos

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, reuniuse cos equipos directivos destes entes investigadores punteiros

Dom, 05/02/2023 - 10:04
u

O Goberno da Xunta está traballando nun reforzo orzamentario para financiar a actividade investigadora dos oito centros científicos integrados na Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS). O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, expresou este compromiso no decurso dunha xuntanza de traballo mantida cos representantes destes axentes máis excelentes da comunidade autónoma.

Nos últimos cinco anos, a Xunta leva investidos preto de 30M€ para blindar e consolidar a actividade investigadora destas estruturas. “O obxectivo -explicou o conselleiro- é seguir impulsando o apoio da Administración autonómica para uns entes cuxo labor ten unha repercusión directa na sociedade no que atinxe a melloras nos ámbitos biomédico ou tecnolóxico, por exemplo”.

A Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia está integrada polo Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), o Centro de Investigación en Medicina Molecular (CIMUS), o Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), por parte da Universidade de Santiago de Compostela; o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) pola Universidade da Coruña, e o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicacións (atlantTic), o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) e o Centro de Investigacións Mariñas (CIM), da Universidade de Vigo.

Galicia conta cun sistema completo e consolidado de apoio á investigación universitaria enfocado á formación, retención e captación de talento científico a través da financiación dos centros de investigación da rede CIGUS, de grupos de investigación e de contratos predoutorais, posdoutorais e investigadores distinguidos.