Un total de 916 estudantes de FP benefícianse das axudas da Xunta para realizar prácticas formativas en Galicia, España e no estranxeiro

O obxectivo desta acción, dotada cun orzamento de 800.000€, é compensarlle parcialmente ao alumnado os gastos derivados destas actividades

A contía máxima da axuda acada os 375€ para o alumnado que realice as prácticas dentro da comunidade autónoma e fóra do seu concello

No caso dos que van ao estranxeiro, dispoñen dunha base fixa de ata 240€ e unha parte variable de ata 150€ á semana en función do país de destino 

Sáb, 04/02/2023 - 10:33
f

A Xunta de Galicia acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución do segundo prazo das axudas económicas ao desprazamento das que se benefician un total de 916 alumnos que realizaron formación práctica vencellada á FP en centros de traballo no ano 2022. A finalidade desta acción é compensarlles parcialmente os gastos extraordinarios derivados da realización das devanditas actividades formativas que se poden desenvolver en empresas da comunidade autónoma ou do resto de España e mesmo noutros países de dentro ou fóra da Unión Europea.

Esta resolución correspóndese co segundo prazo da convocatoria, dirixido ao alumnado de ciclos formativos que realizou as prácticas no período de setembro-decembro de 2022. Estas axudas veñen a sumarse ás 3.706 xa concedidas no primeiro prazo desta convocatoria.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destinou un orzamento total de 800.000€ a esta acción que leva desenvolvendo desde hai anos e que, na liña do establecido na Estratexia FP Galicia 2030, afonda na mellora das competencias a través dunha formación práctica ao tempo que favorece a mobilidade nacional e transnacional das persoas que desexan formarse ou contribuír a actividades de formación noutros países, o que permite a mellora das competencias lingüísticas e profesionais.

Modalidades

A convocatoria establece dúas modalidades en función dos destinatarios. Na modalidade A, destinada a quen realice a formación dentro do territorio español, a contía da axuda depende de onde se realicen as prácticas, e o número de xornadas. Así, o alumnado que realice a formación práctica en Galicia recibe ata un máximo de 375€, sempre que o concello do centro de traballo non sexa o mesmo que o concello do centro educativo ou o de residencia do estudante durante ese período. A contía a percibir polo alumnado establécese en función do número de xornadas realizadas no módulo formativo.

No caso do alumnado que realice a formación fóra de Galicia, percibe unha cantidade fixa de 200€ aínda que realice as prácticas en varios centros de traballo.

Na modalidade B, destinada a quen realice a formación fóra do territorio español, a contía das axudas varía en función do país de destino. Deste xeito, establécese unha contía base de entre 120€ e 240€ dependendo do país (para todo o alumnado con independencia das semanas de estadía no estranxeiro) e unha contía adicional segundo as semanas de estadía no estranxeiro para dita formación, que vai dos 72€ aos 150€/semana.