Galicia mantense entre as cinco comunidades autónomas cunha menor taxa de abandono educativo temperá, por debaixo do 10%

Trátase do segundo mellor dato histórico do noso ensino desde que existen rexistros

Só a nosa comunidade e outras catro cumprimos o obxectivo que a Unión Europea marcou como meta para o ano 2020 (9,9%)

Os datos reflicten unha subida xeneralizada en toda España, tras o acusado descenso do ano pasado polo contexto da pandemia

Ven, 27/01/2023 - 15:17
a

O sistema educativo galego mantense entre as cinco Comunidades Autónomas onde o alumnado menos abandona os estudos sen un título na man. Segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa, a media do abandono educativo temperá en Galicia no ano 2022 foi do 9,9%. Isto supón que só tres CCAA teñen un dato mellor, en concreto País Vasco, Navarra e Cantabria. Castela e León, queda á par de Galicia cun 9,9%. Cómpre salientar que só estas Comunidades cumprimos o obxectivo que a Unión Europea marcou como meta para o ano 2020 (9,9%).

Os datos reflicten unha subida xeneralizada, tras o acusado descenso do ano pasado pola influencia da pandemia, ocasión na que o noso ensino rexistrou un mínimo histórico do 8,1%. Malia ao leve incremento de 2022, o novo dato continúa a situarnos entre as mellores CCAA e é o segundo mellor dato desde que existen rexistros ao respecto, continuando ademais 4 puntos por debaixo da media española.

 

Taxa de abandono educativo temperá en 2022

País Vasco

5,6

Navarra

5,7

Cantabria

8,9

Galicia

9,9

Castela e León

9,9

Extremadura

10,8

A Rioxa

11,3

Aragón

11,4

Asturias

11,5

Canarias

11,7

Melilla

12,7

Madrid

13,2

TOTAL

13,9

Castela A Mancha

15,1

Andalucía

15,3

Ceuta

15,6

Valencia

15,7

Cataluña

16,9

Baleares

18,2

Murcia

18,7

 

Este reaxuste da taxa despois da pandemia supón, aínda así, un descenso de 2,7 puntos en Galicia respecto do abandono educativo rexistrado no ano 2019, o último curso sen impacto da pandemia. Desde o ano 2009 (no que se rexistrou un 25,8) o abandono educativo temperá en Galicia reduciuse en 15,9 puntos, ao abeiro dos programas de mellora impulsados desde o Goberno galego en prol do esforzo e o éxito escolar.

A Xunta continuará a desenvolver políticas educativas que manteñan o ensino galego entre os que rexistran un abandono educativo máis baixo, cumprindo os obxectivos europeos. Para iso, continuarase apostando por iniciativas que atendan ás necesidades concretas de cada centro, como os Contratos-Programa ou polo impulso da FP a través da Estratexia de FP Galicia 2030.

Ademais, a través da Estratexia Galega de Convivencia Escolar Educonvives 2025 continuarase traballando na mellora do clima escolar e favorecendo o maior éxito persoal e académico do alumnado. A maiores, as follas de ruta en materia de linguas estranxeiras (Edulingüe 2030) e novas tecnoloxías (Edudixital 2030) dan resposta ás novas competencias e desafíos aos que o alumnado do século XXI sen ten que enfrontar na súa vida.