Unha decena de centros educativos participará na terceira edición do programa ‘Talentos inclusivos’

O obxectivo é incrementar o coñecemento e competencias en ciencia e tecnoloxía do alumnado, así como a mellora da calidade de vida das persoas con parálise cerebral

Co apoio da Xunta, o programa é promovido polo CITIC da Universidade da Coruña e por ASPACE Coruña

Sáb, 21/01/2023 - 13:01
t

Unha decena de centros educativos participarán na terceira edición do programa Talentos Inclusivos, unha iniciativa que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, e promovida polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña e a Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral (ASPACE) da Coruña para facilitar a inclusión das persoas con diversidade funcional.

O obxectivo do programa é incrementar o coñecemento e competencias no ámbito da ciencia e da tecnoloxía da mocidade a través da participación activa e colaborativa no desenvolvemento de desafíos tecnolóxicos. Para iso, créanse grupos de traballo formados por persoas con parálise cerebral e alumnado dos centros educativos (entre 3º de ESO e 2º de Bacharelato, así como de ciclos de Formación Profesional de grao básico) para resolver, mediante o emprego da tecnoloxía, retos que sexan de aplicación directa para mellorar a calidade de vida das persoas que presentan  parálise cerebral.

Os centros participantes na terceira edición desta iniciativa son os reflectidos na seguinte táboa:

Provincia

Concello

Centro

A Coruña

A Coruña

IES Ramón Menéndez Pidal Zalaeta

A Coruña

A Coruña

CPR Calasanz – PP Escolapios

A Coruña

Betanzos

IES As Mariñas

A Coruña

Culleredo

IES Rego de Trabe

A Coruña

Ferrol

IES Saturnino Montojo           

A Coruña

Ferrol

IES Sofía Casanova

A Coruña

Oleiros

IES Miraflores

A Coruña

Narón

IES Terra de Trasancos          

A Coruña

Ortigueira

IES de Ortigueira        

Ourense

Ourense

CPR Santa Teresa de Jesús

 

Os retos tecnolóxicos definiranse durante os primeiros meses do proxecto e serán resultantes da interacción entre os axentes participantes. No que atinxe ás diferentes solucións tecnolóxicas poderán empregarse a realidade aumentada con scratch, a robótica, a domótica de baixo custo (automatización de dispositivos como luces, portas, climatización...), os produtos de apoio para o acceso ao computador con placas Makey-Makey, a impresión 3D ou as actividades de lecer accesibles baseadas na gamificación.

Na iniciativa tamén colaboran a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación, o Consello Social da UDC e o Concello da Coruña.