A Consellería de Cultura e Educación asina contratos programa con 44 centros da provincia da Coruña que desenvolverán 81 actuacións para a mellora da calidade educativa

Trátase da primeira convocatoria desta iniciativa que implicará a 144 colexios e institutos galegos, que desenvolverán 232 actuacións

Sáb, 28/01/2012 - 11:10

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de asinar contratos-programa con 44 centros educativos da provincia da Coruña, unha iniciativa que se pon en marcha por primeira vez en  e do cal participan nesta convocatoria un total de 144 colexios e institutos. O obxectivo é contribuír á mellora da calidade do sistema educativo de Galicia, implicando ao conxunto da comunidade educativa, á Administración e a concellos e outras entidades.

Conforme a este compromiso, o departamento educativo da Xunta de Galicia dotará os centros dos recursos necesarios para o desenvolvemento das actuacións establecidas nos contratos-programa. Así mesmo, certificarase como actividade de innovación educativa a participación do profesorado no desenvolvemento destas accións, que se poderán difundir ademais como exemplo de boas prácticas no eido do ensino.

A dos contratos-programa é unha iniciativa coa que a Consellería aposta pola autonomía pedagóxica, de organización e de xestión dos centros, na procura da mellora continua da educación e o uso eficiente dos recursos.

Liñas de actuación

Cada un dos centros participantes analizou as súas fortalezas e debilidades e propuxo medidas específicas de actuación, de xeito que o programa elaborado dea resposta ás súas necesidades reais.

En concreto os centros traballaron en torno a 5 liñas de actuación, nomeadamente o reforzo, a orientación e o apoio; a mellora da lectura, da escritura e do cálculo; a mellora da convivencia; a redución do abandono escolar; e a mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia.

Os 44 centros coruñeses participantes desenvolverán un total de 81 de actuacións, enmarcadas nas 5 devanditas liñas, nas que participarán 162 profesores, e das que se beneficiarán 4.178 alumnas e alumnos. Destes estudantes, o 64,5% participarán en actuacións para a mellora de lectura, escritura e cálculo; o 21% na de reforzo, orientación e apoio; o 9% na de mellora da convivencia escolar, o 3,5% na de mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia e o 2% na de redución do abandono escolar.

Reforzo, orientación e apoio

A primeira destas liñas de actuación vén a mellorar as accións que se viñan desenvolvendo ao abeiro do programa de reforzo, orientación e apoio (PROA), dándolles maior relevancia ás accións dirixidas á mellora dos resultados académicos do alumnado con desvantaxe socioeducativa.

Cómpre destacar que cos contratos-programa permanecen as dúas liñas de acción do PROA. Por unha banda o acompañamento escolar fóra do horario lectivo, dirixido ao alumnado do 2º e 3º ciclo de educación primaria e de secundaria obrigatoria (ESO) que presenta dificultades e problemas de aprendizaxe, así como a aquel con desvantaxe educativa polo contorno sociocultural no que se desenvolve. O obxectivo é potenciar a aprendizaxe e o rendemento deste alumnado mediante a adquisición de hábitos de organización e constancia no traballo, o alento ao estudo, a mellora da súa integración, e o fornecemento dos coñecementos e das destrezas nas áreas instrumentais.

No que toca ao segundo conxunto de actuacións do PROA, o de apoio e reforzo en educación secundaria obrigatoria, ten como obxectivo a mellora dos resultados do centro a través dun conxunto de actuacións que contribúan ao incremento na cantidade e calidade das aprendizaxes e dun cambio global no seu modo de organización e funcionamento. Para iso cada colexio ou instituto desenvolverá medidas en diferentes ámbitos, relacionadas coa atención directa ao alumnado, intervención coas familias e intervención co contorno.

Mellora da escritura, lectura e cálculo

Outra das liñas de actuación dos contratos-programa é a de mellora da escritura, lectura e cálculo, dirixida a todo o alumnado das etapas de ensino obrigatorio, e a través da que se pretende identificar as dificultades do alumnado en relación con estas técnicas instrumentais básicas.

O obxectivo é mellorar as competencias lingüística e matemática e elevar os niveis de éxito escolar, coa implicación das familias nos procesos de ensino e aprendizaxe e a promoción do uso das bibliotecas escolares e dos espazos educativos comúns.

Mellora da convivencia

Froito do compromiso da Consellería de Educación coa mellora da convivencia nas aulas, a terceira das liñas de actuación dos contratos-programa busca acadar un bo clima nos centros educativos, baseado no respecto mutuo. Para iso os centros que incorporen esta liña nos seus programas deberán fomentar os plans de acollida e accións titoriais, de mellora das habilidades sociais, a mediación escolar, a resolución pacífica de conflitos, a mellora da intelixencia emocional e dinámicas de grupo, entre outras.

Ademais buscarase favorecer a atención educativa dos colectivos máis vulnerables, como o alumnado inmigrante ou en risco de exclusión social, e impulsar ao mesmo tempo a participación das familias e doutras institucións e entidades.

Abandono escolar e excelencia

Un dos eixes fundamentais das actuacións da Consellería de Educación é a loita contra o fracaso e o abandono escolar –fundamentalmente na ESO-, polo que ambos os dous aspectos son obxecto tamén dos contratos-programa. Así, os centros que traballen nesta cuarta liña desenvolverán medidas específicas para identificar os estudantes con maiores dificultades para a aprendizaxe e para atender ao alumnado con menor motivación e capacidade para aprender, de xeito que se lle ofrezan respostas adaptadas ás súas posibilidades e aos seus intereses, para seguir avanzando na súa aprendizaxe e diminuíndo o risco de abandono. Neste grupo de estudantes favorecerase ademais a atención educativa dos colectivos máis vulnerables, como o alumnado inmigrante ou en risco de exclusión social.

Para levar a cabo esta tarefa impulsarase a colaboración efectiva entre familia e escola, así como a coordinación entre organizacións e institucións do contorno.

Doutra banda, e no marco da aposta pola excelencia que mantén a Consellería de Educación, a quinta liña de actuación dos contratos-programa xira arredor da mellora do nivel de coñecementos, dando resposta ao alumnado con maior capacidade e motivación para aprender. Neste sentido, os centros desenvolverán iniciativas como a planificación de obradoiros fóra do horario lectivo nos que se traballará de forma cooperativa nun proxecto.

O obxectivo é lograr que as alumnas e os alumnos do 2º e 3º ciclos de primaria e educación secundaria melloren o seu nivel de rendemento e resultados, de tal forma que poidan desenvolver ao máximo o seu potencial de aprendizaxe e elevar desa forma os niveis de excelencia do sistema educativo galego.