Más de 200 profesores participan nunha xornada formativa sobre Polos Creativos para aproveitar ao máximo o seu potencial

Román Rodríguez defende “un modelo de ensinanza onde os alumnos poidan enfrontarse á resolución de problemas reais coas competencias adquiridas a nivel académico”

Lembra que a Xunta, a través da dotación de 225 Polos en centros educativos e centros de formación, asegura as ferramentas necesarias para adaptarse aos novos retos de futuro

Nestes espazos de innovación os alumnos pode desenvolver proxectos en grupo mediante a experimentación, abordar casos prácticos e realizar fabricación a pequena escala

A Consellería desprega máis de 22.000 unidades de equipamento especializado de audiovisual e fotografía, electrónica e robótica, fabricación e construción, téxtil e informática

No encontro participa o músico e maker Nicolás Brass, internacionalmente coñecido a pola creación, deseño e fabricación de instrumentos musicais a través de materiais de refugallo e que despois interpreta en concertos

Ven, 02/12/2022 - 19:51
p

Máis de 200 coordinadores docentes participan nunha xornada formativa sobre Polos Creativos, unha novidosa iniciativa implantada pola Xunta nos centros públicos galegos neste curso co obxectivo de sacarlle o máximo aproveitamento e rendemento na súa aplicación educativa no día a día nas aulas.

Con motivo deste encontro, o titular de Educación do Goberno galego, Román Rodríguez, destacou como “imprescindible” que a educación saiba adaptarse ás novas necesidades e para iso “é fundamental que tanto profesorado como alumnado conten coas ferramentas necesarias”.

Precisamente a este reto responde a dotación, por parte da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, de 225 Polos Creativos en centros educativos e de formación de toda Galicia, concibidos como espazos “de interactividade pedagóxica para que os nenos accedan á realidade da intelixencia artificial, as tecnoloxías intensivas, a realidade virtual ou a robótica”, explicou o conselleiro.

“Trátase -en palabras de Román Rodríguez- dun modelo de ensinanza que aposte non só polos coñecementos teóricos, senón que enfronte aos alumnos a problemas reais que resolver coas competencias adquiridas a nivel académico”.

A xornada formativa que se desenvolve no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia inclúe tamén unha serie de stands con materiais específicos cos que se dotan os Polos Creativos así como espazos abertos con propostas creativas innovadoras. Este é o caso da intervención do músico e maker Nicolás Brass, coñecido internacionalmente a través das redes sociais pola creación, deseño e fabricación de instrumentos musicais a través de materiais de refugallo e que despois interpreta en concertos.

Investimento de 8M€

Os Polos Creativos, aos que a Xunta destina 8M€, son espazos de innovación educativa no que se traballan as competencias STEM, a co-creación, a solución de problemas reais e o pensamento de deseño e habilidades. Teñen un deseño modular e innovador acorde co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e están dotados de equipamento especializado e organizados didacticamente para fomentar a creatividade, a aprendizaxe por competencias e o traballo manipulativo. As actividades que se desenvolven neles abordan aspectos como a intelixencia artificial, as tecnoloxías intensivas, o procesado audiovisual e artístico, a realidade virtual ou a robótica, entre outros.

Material especializado

Os centros selecionados xa contan con todo o material e equipamento especializado para o traballo a nivel educativo, un total 22.000 unidades entre as que se inclúe material específico de audiovisual e fotografía (como cámaras e trípodes), de electrónica e robótica (kits de robótica básicos e avanzados para diferentes idades ou robots programables, microcontroladores, sensores, domótica, kits de simulación), ferramentas tecnolóxicas, de fabricación e construción e téxtil, informática e mobiliario axeitado.

O programa, inxerido tamén na Estratexia Educación Dixital 2030, supón un salto cualitativo no fomento das competencias dixitais do alumnado no ensino público xa que o seu principal obxectivo é o perfeccionamento das capacidades dixitais e, deste xeito, contribuír a consolidar a Galicia como referente a nivel estatal na incorporación de tecnoloxías STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) ao proceso de ensino-aprendizaxe no sistema educativo público.