A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa destaca as accións da Xunta para mellorar o ensino a través da tecnoloxía

Judith Fernández participa na apertura do XXXV congreso Enciga, da Asociación dos Ensinantes de Ciencias de Galicia, que se desenvolve no instituto IES Eduardo Pondal de Ponteceso

Xov, 17/11/2022 - 20:26
p

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, Judith Fernández, participou esta tarde na inauguración do XXXV congreso Enciga, da Asociación dos Ensinantes de Ciencias en Galicia, onde destacou que un dos retos do Goberno galego para a vindeira década é seguir implementando melloras no sistema a través de distintas ferramentas e, sobre todo, incorporando novas técnicas docentes e pedagóxicas ao proceso de ensino-aprendizaxe, proceso no cal a tecnoloxía e a innovación xoga un papel esencial.

Na súa intervención con motivo do encontro que se celebra ata o sábado no instituto IES Eduardo Pondal de Ponteceso, Judith Fernández referiuse á Estratexia de Educación Dixital 2030, dotada con 120M€ para os seus primeiros tres anos de aplicación, que contempla un conxunto de accións enfocadas á transformación dixital, mellorando as competencias tanto de alumnado como de profesores e sacándolle o máximo rendemento ás novas tecnoloxías.

Neste ámbito subliñou a implantación de Polos Creativos, unha iniciativa pioneira que chega por primeira vez este curso a 220 centros, espazos tecnoloxicamente dotados onde o alumnado poderá desenvolver proxectos vinculados coa intelixencia artificial, a realidade virtual ou robótica entre outros; os Club de Ciencias, con 175 centros participantes, ou o Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMBach, que se imparte en 45 centros.

Felicitación aos organizadores

Finalmente, Judith Fernández aproveitou para felicitar aos organizadores do congreso pola importancia desta cita que ten como obxectivo impulsar e dinamizar traballos de investigación educativa e intercambio de información enfocados á mellora da calidade do ensino na área de ciencias.