A Xunta blinda o plantel de profesorado con 500 docentes máis que antes da pandemia e os mesmos que o pasado curso malia contar con menos alumnos

Román Rodríguez confirma que o sistema conta con 30.534 docentes, o que desminte con cifras obxectivas as críticas de recortes por parte dos grupos da oposición

Lembra que o ensino galego despunta en PISA, cunha caída histórica do abandono escolar e o terceiro maior investimento por alumno de toda España

Sinala que a rateo profesor alumno de Galicia sitúase en 9,8 fronte ao 11,4 estatal

O Goberno galego aforra 107M€ ás familias fronte á inflación, cun 50% máis de axudas para libros e material escolar, reforzo no comedor bonificado, transporte gratuíto, dispositivos dixitais de balde ou conxelación da matrícula universitaria

Introdúcense novos programas para apuntalar a calidade e a igualdade do sistema, co deseño de colexios máis confortables, sostibles e tecnolóxicos a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e co impulso da dixitalización nos Polos Creativos

Ultímanse plans específicos en materia de convivencia e inclusión

O novo Centro Galego de Innovación da FP entra en funcionamento este outono para impulsar estas ensinanzas, con máis oferta, máis prazas e pleno emprego

Mar, 13/09/2022 - 13:09
c

O sistema educativo galego vai contar este ano con 30.534 docentes, cifra que confirma que este curso hai máis profesorado que o último antes da pandemia e os mesmos que o curso pasado, cumprindo así co manifestado nas últimas semanas polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, malia estar nun contexto de caída demográfica con 15.000 alumnos menos nas etapas de Infantil e Primaria.

Nunha comparecencia a petición propia ante o Pleno do Parlamento para dar conta do inicio do curso escolar, o titular de Educación expresou, en primeiro lugar, o agradecemento ao “exemplo” de alumnado, familias, profesorado e persoal dos centros educativos para contribuír á “normalidade” dun inicio de curso marcado pola supresións das restricións covid, a inflación, a entrada en vigor da LOMLOE e o desenvolvemento de novos programas para asegurar os niveis de calidade acadados nos últimos anos.

Na súa intervención, o conselleiro desmontou con datos concretos e obxectivos as críticas de recorte de profesorado dos grupos da oposición ao confirmar un incremento de 493 docentes con respecto ao curso 2019-20, o último antes da pandemia, e os mesmos que o ano pasado (en concreto, 11 máis). Así pois, a Consellería mantén a estrutura dos colexios -con 130 aulas máis de Infantil e Primaria que antes da pandemia- e a dotación de todo o profesorado necesario para atender o cen por cen das necesidades.

2.011 incorporacións e 4.000 prazas de oposicións

En aras da estabilidade do profesorado, a raíz das oposicións celebradas este verán, este setembro incorpóranse ás aulas 2.011 docentes con praza de funcionario, o que consolida a Galicia como a comunidade con menos interinos, cun 8% fronte á media estatal do 25%. Unha porcentaxe que se reducirá ao 6% o próximo ano unha vez que rematen o concurso de méritos e o concurso-oposición que eleva a 4.000 as prazas ofertadas entre 2022 e 2023. Estes procesos explican un menor número de prazas adxudicadas no concurso de destinos provisionais, dado que esas prazas están a ser cubertas por funcionarios definitivos.

Estas ofertas de emprego corroboran que, malia a o descenso demográfico, “mantemos a intensidade do emprego”, abondou o conselleiro. Ademais, os últimos datos confirman tamén unha rateo de 9,8 alumnos/profesor mentres a media estatal ascende a 11,4.

Por outra banda, e unha vez superada a situación de crise sanitaria dos últimos dous anos, explicou que un dos retos é a “inflación desbocada”. Para axudar a paliar os seus efectos, a Xunta mobiliza 107M€ para reforzar o apoio ás familias con 25,6M€ (case un 50% máis) en axudas a libros e material escolar, 50M€ en axudas a comedores (onde oito de cada dez familias teñen este servizo de balde ou pagan un euro) e as taxas universitarias conxeladas durante 12 anos, ao que se suman 117M€ para o transporte gratuíto.

Por achegas como estas, lembrou o conselleiro, Galicia sitúase, segundo os datos do Ministerio, como a terceira comunidade autonóma que máis inviste por alumno, só por detrás de País Vasco e Navarra, ambas cun réxime fiscal diferente.

Certezas ante os novos currículos

Outro dos elementos novidosos deste curso é a entrada en vigor da nova lei educativa, LOMLOE, para os cursos impares, da que o conselleiro denunciou publicamente unha vez máis a súa aplicación “caótica e atropelada” polo retraso da aprobación dos currículos estatais. Isto, explicou, fixo que os currículos galegos non se puideran aprobar antes do inicio do curso, tal e como levaba advertindo en reiteradas ocasións.

Fronte a isto, Román Rodríguez lembrou que a Xunta “fixo os deberes” e en Galicia os currículos “foron publicados e coñécense desde o pasado mes de abril”, o que deu certezas aos equipos directivos para planificar e organizar o curso escolar. Informou, ademais, de que se axilizaron ao máximo os trámites administrativos dos decretos de xeito que -logo de aprobar o Infantil a semana pasada- seguirase co resto nestas primeiras semanas.

439 obras de mellora en centros por 91M€

Todas estas medidas combínanse con accións como a posta en marcha do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica -executado xa no seu 50% con 439 obras por 91M€- para avanzar en centros máis confortables, innovadores e eficientes; a dotación de Polos Creativos (espazos para traballar as competencias matemáticas, científica e tecnolóxicas) que xa chega a 138 centros nunha primeira fase; o avance do libro electrónico en 600 centros e 60.000 alumnos, ou a posta en marcha do novo Centro de Innovación Educativa e Dixital.

Para o actual curso, o conselleiro referiuse tamén ao impulso de novos plans relacionados coa inclusión e a convivencia escolar, cuxas liñas estratéxicas se están ultimando.

A Xunta busca así seguir fornecendo a calidade do sistema, avalado por informes coma o PISA ou por indicadores como a redución da taxa de abandono escolar (nun 8,1% fronte ao 25,8% de media de 2009). A este respecto Román Rodríguez indicou que seguirá apostando “por un avance tranquilo no ensino, renovando iniciativas que están a ser eficaces e impulsando novas políticas públicas para novos retos”.

Unha Formación Profesional de récord

Outra das ensinanzas cunha evolución sobresaínte na última década é a Formación Profesional, “que medra en prestixio, confianza e utilidade” e que, á espera de pechar o proceso de matrícula o día 23, volve estar en cifras récord. Gaña oferta, gaña prazas e modernízase coa posta en funcionamento do Centro Galego de Innovación da FP.

O novo centro, con sede en Ourense, empezará a funcionar este outono e será o corazón da Estratexia Galega de FP 2030, dotada con 900M€ e que impulsará proxectos de I+D+i en área punteiras. A iso engádese a apertura dun novo centro integrado de FP en Vilagarcía, o número 24 na Comunidade fronte aos 11 que había no 2009.

Iguais resultados no ensino rural

Na súa intervención tamén fixo unha mención especial ao ensino rural como “un sinal de identidade” de Galicia, onde de novo se manifesta a calidade e a igualdade do sistema xa que “o 93% dos concellos teñen un centro de Infantil e Primaria fronte ao 55% de España”. Neles, declarou, os alumnos poden acceder aos mesmos programas que nun centro urbano. “E isto permite que os resultados académicos sexa iguais”, expuxo.