A Xunta investirá máis de 1,5M€ na rehabilitación integral do instituto Francisco Daviña Rey, en Monforte

A previsión é que as obras, que teñen un prazo de execución de cinco meses, comecen en novembro

Román Rodríguez salienta que a actuación vai permitir acadar un aforro enerxético medio de aproximadamente o 25%

A nivel académico destaca o incremento de prazas no ciclo de grao medio en Coidados auxiliares de enfermería e a incorporación á oferta do máster de FP en Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías de operación neste centro

Mér, 03/08/2022 - 14:56
VisitaFranciscoDavina

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, anunciou hoxe a rehabilitación integral do instituto IES Francisco Daviña Rey, na localidade lucense de Monforte de Lemos, unha obra na que a Xunta de Galicia vai investir máis de 1,5M€.

Nunha visita ao centro para presentar o proxecto de mellora, o titular do departamento educativo do Goberno galego explicou que a previsión é que as obras, que teñen un prazo de execución de cinco meses, comecen en novembro, dado que son compatibles coa actividade lectiva ordinaria.

Así mesmo, salientou que esta actuación vai permitir acadar un aforro enerxético medio de aproximadamente o 25% en consumo de enerxía primaria e en emisións de CO₂. “Deste xeito seguimos avanzando nos obxectivos do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que inclúen unha transformación das infraestruturas educativas para facelas máis respectuosas co medio ambiente”, destacou.

Mellora da eficiencia

A actuación proxectada divídese en dúas partes. A primeira delas está centrada na eficiencia enerxética, para o que se colocarán novas fiestras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidro dobre baixo emisivo. Ademais, mudarase a actual cuberta por unha nova de panel con illamento de 80 mm de espesor, incluíndo a substitución de baixantes e canalóns; e aplicarase illamento nas fachadas e instalarase un novo falso teito. Non se renovarán as luminarias xa que o centro xa dispón de iluminación LED en todo o recinto.

A segunda parte da intervención contempla traballos diversos de reforma do instituto, entre eles labores de pintado, acabados e sinalización, entre outros.

O conselleiro destacou que esta obra pon de manifesto o compromiso do Goberno galego coa renovación dos inmobles educativos. “Unha liña de actuación que estamos a desenvolver ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta que coloca a Galicia como a comunidade autónoma pioneira no deseño dun novo modelo de centros postcovid, con espazos máis amplos e máis eficientes e, sobre todo, adaptados ás necesidades do ensino do século XXI”.

Román Rodríguez lembrou, ademais, que no ámbito académico o IES Francisco Daviña Rey vén de incorporar novidades á súa oferta, en concreto o incremento de prazas no ciclo de grao medio en Coidados auxiliares de enfermería e a incorporación á oferta do máster de FP en Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías de operación.