A Xunta licita por 143.000€ a cuberta do patio do colexio CEIP Nosa Señora de Xuvencos de Boborás

Crearase un novo espazo para a convivencia e o xogo protexido da choiva

A actuación enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Xov, 30/06/2022 - 17:18

A Xunta de Galicia vén de licitar a contratación da obra de cubrición do patio do colexio CEIP Nosa Señora de Xuvencos, en Boborás (Ourense), por un importe de 142.906,95 €. A actuación enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para o deseño dos centros educativos do século XXI e para a adaptación dos existentes ás novas necesidades do ensino.

Neste sentido, o plan propón a creación de espazos flexibles e multidisciplinares para a convivencia da comunidade educativa. No caso do colexio de Boborás, o proxecto propón a ampliación da superficie do edificio principal mediante a implantación de dúas novas cubertas situadas na parte posterior da edificación existente. Deste xeito crearase espazo protexido da choiva, aberto polos seus laterais, que permitirá o desenvolvemento de actividades ao aire libre dos alumnos.

A estrutura da cuberta sustentarase sobre zapatas illadas de formigón armado, unidas entre si mediante vigas de cimentación, separadas da edificación lindeira. A estrutura será porticada de aceiro laminado, sobre a que se apoiarán paneis de dobre chapa de aceiro conxugados con paneis translúcidos de policarbonato. Tamén se colocarán canlóns de aceiro galvanizado para a recollida de augas pluviais e mudarase o pavimento por un novo de formigón armado. O prazo estimado de execución dos traballos é de catro meses, unha vez que se adxudique e formalice.