O coordinador do Informe Pisa, Andreas Schleicher, coñece de primeira man o modelo educativo galego e os seus avances en materia de innovación

Imparte a conferencia de apertura neste encontro, no que 23 centros presentan os seus proxectos arredor de cuestións como a robótica ou a impresión 3D

Román Rodríguez pon en valor a relevancia da formación para as persoas no marco da Estratexia de Educación Dixital da Xunta de Galicia

O conselleiro en funcións e o director de Educación da OCDE visitan os espazos que vai ocupar o novo Centro Galego de Educación e Innovación Dixital, na Cidade da Cultura, que detectará as necesidades neste eido e impulsará as accións para a mellora das competencias

Mar, 10/05/2022 - 16:22
d

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións, Román Rodríguez, inaugurou esta mañá o I Congreso de Innovación Educativa e Dixital Dixinnova 2022. No acto participou tamén o director de Educación da OCDE e coordinador do informe PISA, Andreas Schleicher, que está a visitar Galicia para coñecer de primeira man o seu modelo educativo e, no caso concreto deste congreso, para afondar nos seus avances en materia de innovación. Schleicher impartiu, ademais, a conferencia de apertura deste encontro, arredor das tendencias globais que configuran a educación.

O representante da Xunta de Galicia destacou o imprescindible de formar ás novas xeracións nas competencias e destrezas que esixe a sociedade máis dixitalizada, globalizada e competitiva na que vivimos. “Desde o Goberno galego levamos máis dunha década traballando no obxectivo de formar aos nosos alumnos para os retos da sociedade do século XXI”, dixo o conselleiro, unhas accións entre as que fixo fincapé no proxecto E-Dixgal, na creación do Bacharelato de Excelencia en Ciencia e Tecnoloxías (STEMBach) ou en iniciativas pioneiras como os Clubs de Ciencia ou a creación de Espazos Maker en centros educativos.

Novo Centro de Educación e Innovación Dixital

Ademais, Román Rodríguez e Andreas Schleicher visitaron, despois da inauguración do congreso, os espazos que vai ocupar o novo Centro Galego de Educación e Innovación Dixital no Edificio Fontán da Cidade da Cultura. Esta instalación ten como obxectivo “marcar un antes e un despois na nosa folla de ruta en materia de innovación e dixitalización, potenciando e acelerando a transformación dixital da educación galega a todos os niveis”, segundo sinalou o conselleiro.

O novo centro funcionará como o órgano encargado de identificar, diagnosticar e obter conclusións sobre a realidade educativa para impulsar novos recursos de mellora das competencias dixitais, deseñar e valorar novos proxectos innovadores e a súa implementación no sistema educativo ou elaborar estudos ou informes en materia de investigación, dixitalización e innovación educativa. “En definitiva, será un espazo a través do cal dar resposta á maior necesidade de innovación e dixitalización do sistema educativo suscitada tras a crise sanitaria”, destacou Román Rodríguez.

Estratexia de Educación Dixital 2030

En canto aos avances do modelo educativo galego en materia de innovación, de cara ao futuro máis inmediato, Román Rodríguez lembrou que o Goberno galego ten xa en marcha a Estratexia de Educación Dixital 2030, “dentro da que se van investir 8M€ para crear 220 Polos Creativos noutros tantos centros educativos de toda a Comunidade”.

A estratexia conta cunha dotación económica de máis de 120M€ para os tres primeiros anos e inclúe tamén a creación e deseño dun Plan Dixital para cada un dos centros de ensino, “un instrumento que permitirá a cada centro avanzar e desenvolver as competencias dixitais de alumnado e profesorado cunha folla de ruta adaptada ás súas necesidades”, incidiu o conselleiro.

Así mesmo, sinalou que os novos currículos de Primaria e Secundaria de Galicia apostan polo reforzo das competencias STEM. “De feito na Primaria reforzaremos a área de Ciencias naturais cun bloque específico de competencias STEM e en Secundaria cunha nova materia, Tecnoloxía e dixitalización”, explicou.

Formación para as persoas

Román Rodríguez puxo en valor a importancia que a formación das persoas ten nas accións do seu departamento en materia de innovación e dixitalización. “Falamos dunha estratexia coordinada que inclúe novos programas, novas infraestruturas e novas liñas de acción cun único obxectivo: democratizar o acceso ás novas tecnoloxías e aos coñecementos que achegan,  dándolle oportunidades aos galegos de hoxe para que o día de mañá se desenvolvan nun mundo máis competitivo, máis innovador e máis dixitalizado”, resumiu.

Neste sentido, agradeceu o labor dos docentes, asesores e centros participantes neste I Congreso de Innovación Educativa e Dixital Dixinnova 2022. “Este encontro e as propostas que podemos ver nos expositores participantes son unha boa mostra do altísimo nivel que acadaron os centros educativos nesta materia –explicou– pero todo este nivel de coñecemento e de destrezas que hoxe demostran os profesionais dos nosos centros educativos e o noso alumnado non é froito da casualidade, senón de iniciativas que teñen como elemento central as persoas”. “Agardo que poidamos seguir traballando e avanzando xuntos neste gran reto”, rematou.

‘Dixinnova 2022’

Arredor de 700 docentes de centros de ensino de Infantil, Primaria e Secundaria de Galicia, persoas coordinadoras do equipo de dinamización do Plan Dixital e de plans e programas vencellados a Estratexia de Educación Dixital 2030 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade danse cita hoxe nesta primeira edición do congreso Dixinnova, impulsado polo departamento educativo da Xunta de Galicia.

Ademais do relatorio de apertura, a cargo de Andreas Schleicher, os asistentes poderán gozar da conferencia de Linda Liukas, programadora informática, escritora infantil e instrutora de programación nomeada pola Comisión Europea como Campioa Dixital de Finlandia en 2013, que afondará na transformación dixital no sistema educativo; así como de dúas mesas redondas na que representantes de administración, empresas e centros educativos abordarán os avances dos últimos anos neste eido.

A xornada de mañá estará centrada no alumnado, coa participación duns 700 estudantes de todos os niveis educativos, maioritariamente de 5º e 6 º de Primaria, vencellados con programas como E-Dixgal ou Digicraft.

Ademais, durante as dúas xornadas poderán visitarse os 23 expositores nos que outros tantos centros amosarán os seus proxectos arredor da impresión 3D, o espazo virtual, o metaverso, a robótica ou os drons, entre outras experiencias.