Román Rodríguez refírese á innovación como o factor diferencial para garantir a calidade da educación

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións inaugura o V Encontro de Experiencias EducaTIC 2022 en Arteixo

Mér, 04/05/2022 - 19:06
a

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións, Román Rodríguez, inaugurou hoxe o V encontro de Experiencias EducaTIC 2022 no Centro Arteixo Innovación, no que especialistas en educación e innovación intercambian ideas vencelladas co uso das Tecnoloxías da Información e Comunicación no eido educativo.

Na súa intervención, o representante da Xunta de Galicia celebrou que se leven a cabo este tipo de eventos no seo da comunidade educativa para seguir avanzando “en propostas que fortalezan o noso modelo e contribúan a unha ensinanza aberta, plural e diversa”. Neste sentido, Román Rodríguez referiuse á innovación como o factor diferencial para garantir que as principais características que representen o noso modelo educativo sigan sendo a calidade e a equidade.

“Se queremos que a educación galega continúe como un referente nacional debemos avanzar na dinamización pedagóxica a través da dixitalización, as competencias dixitais ou iniciativas como os polos creativos, os espazos maker ou os clubs de ciencia”, explicou Román Rodríguez antes de lembrar que o Goberno galego ten en marcha a Estratexia da Educación Dixital 2030, unha folla de ruta que aposta pola innovación e pola incorporación de tecnoloxías STEM á actividade docente.

Para rematar, o conselleiro en funcións agradeceu a implicación de todos os profesionais docentes e o seu compromiso con un modelo que segue medrando en base ao esforzo colectivo, a inclusión e a equidade.