O Centro Autonómico de Formación e Innovación difunde no profesorado a figura de Florencio Delgado Gurriarán

O secretario de Política Lingüística, Valentín García, participa na Xornada do Día das Letras Galegas sobre o autor homenaxeado este 17 de maio

A actividade formativa para os docentes desenvolverase virtualmente en catro sesións os días 3, 4, 5 e 11 de maio

Mar, 03/05/2022 - 18:58

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) na Xornada do Día das Letras Galegas, destinada a darlle a coñecer ao profesorado de Primaria e Secundaria aspectos vitais e literarios do autor homenaxeado esta ano, Florencio Delgado Gurriarán.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade agradeceulle ao profesorado asistente a súa participación nunha proposta formativa que posibilita  “trasladar ás aulas, dunha maneira atractiva e innovadora, o compromiso de Florencio Delgado Gurriarán, e con el dos exiliados e da diáspora galega, coa nosa lingua e coa nosa cultura” .

Xunto a Valentín García interviñeron Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG), e Elva Delgado Vázquez, representante da familia Gurriarán. Ao remate desta inauguración, desenvolvéronse conferencias de especialistas sobre a vida e a obra do autor.

Esta é unha xornada anual de formación para o profesorado de ensinanza non universitaria que busca dotalo de recursos para difundir entre a comunidade educativa a figura do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022. Desenvolverase virtualmente en catro sesións os días 3, 4, 5 e 11 de maio e, ademais de diversas conferencias, tamén terá lugar a exposición de múltiples actividades educativas levadas a cabo principalmente nas aulas de Primaria e Secundaria.

A inscrición é de balde a través do Portal Educativo.