Román Rodríguez destaca a rehabilitación do Colexio Frei Luís de Granada como un compromiso cumprido da Xunta coa comunidade educativa de Sarria

Investíronse máis de 1,6M€ para mellorar a eficiencia enerxética do CEIP e reforzar a súa estrutura, que nunca se viu comprometida

A actuación permitiu renovar por completo as instalacións do centro e adaptalas aos novos tempos

Sáb, 22/01/2022 - 13:45

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou o Colexio CEIP Frei Luís de Granada, en Sarria, para comprobar o resultado da rehabilitación integral acometida neste centro. “Unha obra –destacou– que supón un compromiso cumprido da Xunta coa comunidade educativa deste concello, co que acordamos facer unha renovación total do centro tras os problemas de fisuras acontecidos nos últimos tempos”.

A este respecto, o titular do departamento educativo do Goberno galego reiterou que a estabilidade estrutural do centro non se viu en ningún momento comprometida. “Os distintos informes técnicos existentes sobre o edificio avalan a súa capacidade portante”, explicou, sinalado como orixe do problema as luces dos vanos dos forxados, que xeraban movementos nos mesmos e ocasionaron a aparición de fisuras. “As obras acometidas reforzan a estrutura do colexio e minimizan estes movementos evitando a aparición de fendas”, aclarou o conselleiro.

Reforzo estrutural

A primeira parte da intervención centrouse no reforzo estrutural do centro. Para iso executouse un recrecido de capa de compresión de formigón estrutural, que se ancorou sobre capa de compresión existente.

Deste xeito mellórase o comportamento do forxado ao aumentar a zona de compresión do mesmo e diminúense as cargas permanentes ao substituír a capa de recrecido e pavimento de terrazo por capa de compresión e pavimento de linóleo. Ademais, colocouse nova tabiquería con placas de fibra-xeso para diminuír as cargas sobre os forxados.

Tamén se repararon as fendas do ximnasio e executouse unha soleira ventilada para minimizar os problemas de humidade deste espazo.

Aforro enerxético

Por outra banda, acometéronse actuacións para a mellora da eficiencia do edificio, a través das que se acadou un aforro enerxético anual do 15%, tanto no referido ao consumo de enerxía primaria como ás emisións de CO².

En concreto aplicouse sistema SATE (sistema illante de envolvente continua polo exterior) e mudáronse as fiestras por unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, incluíndo a instalación de persianas de aluminio con illante no interior. Así mesmo, substituíronse as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética e colocouse falso teito acústico, novas carpinterías interiores e pavimentos.

A maiores, e co obxectivo de adaptar as instalacións do centro aos novos tempos, melloráronse as súas condicións de acceso e evacuación e instalouse unha nova infraestrutura de comunicacións.