A Xunta ultima a nova Estratexia Galega de FP para fortalecer o crecemento destas ensinanzas arredor da innovación e a FP Dual

A nova folla de ruta presentarase nas próximas semanas e terá vixencia ata 2025

Román Rodríguez destaca a implicación do instituto Manuel Chamoso Lamas no desenvolvemento de proxectos de Dual, con 35 alumnos en catro destas iniciativas este curso

Anuncia a ampliación deste instituto, cun investimento de 1,2M€ para crear novos talleres para o ciclo de soldadura que melloren a oferta e o seu atractivo para as empresas

A previsión é licitar a obra neste ano e que estea lista para o curso 23/24

Ven, 21/01/2022 - 13:43
c

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, desprazouse esta mañá ata a empresa Talleres Dizmar, para visitar os alumnos do instituto IES Manuel Chamoso Lamas que cursan o ciclo de FP Dula de Soldadura e calderairía nesta empresa de automoción, así como en Gri Towers Galicia S.L.

No transcurso da visita avanzou que o seu departamento está a ultimar a nova Estratexia Galega de FP para fortalecer o crecemento destas ensinanzas, que incrementaron a súa matrícula en máis do 70% desde o ano 2008. “Presentaremos esta nova folla de ruta nas próximas semanas e nela terá especial relevancia o impulso da FP Dual, que é a modalidade que queremos reforzar máis, dado que rexistra niveis de empregabilidade superiores ao 90%”, sinalou o conselleiro.

Así mesmo, lembrou que a nova estratexia impulsará a innovación e a dixitalización, cuestións nas que será de especial importancia o papel que desenvolva o Centro Galego de Innovación da FP en Ourense. “Estou seguro de que este novo espazo vai ser un piar fundamental para o desenvolvemento desta folla de ruta e para o impulso da Formación Profesional como unha das accións estratéxicas do Goberno galego”, dixo Román Rodríguez.

Gran implicación na Dual

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia quixo destacar a implicación de do Chamoso Lamas no desenvolvemento de proxectos de FP Dual e, en especial, “o compromiso de empresas como Dizmar e Gri Towers Galicia S.L. que fan posible que esta modalidade de formación sexa cada vez máis demandada, debido a que é unha opción de futuro para os nosos mozos e mozas”.

Este ano no instituto Chamoso Lamas teñen en marcha catro iniciativas destas características, dúas no ciclo de Automatización e robótica industrial, un no de Electromecánica de maquinaria e outro no de Soldadura e caldeirería, cun total de 35 alumnos”, explicou.

“Isto significa –engadiu o conselleiro– que o equipo directivo e docente deste centro realiza un importante labor de colaboración e diálogo coas empresas da contorna, como é o caso da que visitamos hoxe, buscando oportunidades de formación e emprego para o seu alumado”. “En definitiva, demostra que o instituto Manuel Chamoso Lamas e as empresas da contorna xa camiñan pola senda do que vai ser a FP do futuro”, salientou.

Ampliación do centro

O conselleiro de Educación aproveitou a súa visita ao Carballiño para anunciar a obra de ampliación que a Xunta de Galicia vai realizar neste instituto, que suporá un investimento de 1,2M€. O obxectivo desta intervención é dotar as súas instalación de novos talleres para o ciclo de Soldadura e Caldeiraría.

Non en balde, este curso o instituto está a impartir este ciclo tamén na modalidade Dual, en colaboración coas empresas Gri Towers Galicia S.L. e Talleres Dizmar S.L. Ao non dispor de espazos no centro, os alumnos desprázanse á segunda das devanditas empresas para realizar boa parte da formación práctica.

O novo edificio de talleres contará cunha superficie construída de 1.030 m² e cunha superficie total útil de 1.412 m². Contará con aula polivalente, laboratorio de ensaios e talleres de construcións metálicas e de mecanizado. Dada a topografía do terreo, cun importante desnivel, aproveitarase para semisoterrar os talleres.

Tal e como explicou o conselleiro, “o proxecto está en fase de redacción e contamos con que se nos entregue a finais deste mes”. Ao tratarse dunha obra de envergadura, o prazo de execución estimado é de nove meses, “polo que agardamos licitar a obra neste ano e que estea lista para o curso 2023/24”.