Un total de 142 universitarios poderán beneficiarse das bolsas convocadas pola Xunta para a mellora das competencias en linguas estranxeiras no verán

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade recupera esta liña de axudas tras o parón obrigado ocasionado pola pandemia

Cun importe de 1.000€, contribuirán a financiar estadías nalgún Estado membro da UE no que os estudantes deberán realizar un curso do idioma oficial do país elixido

Mér, 12/01/2022 - 14:29

A Xunta de Galicia contribuirá a que 142 estudantes universitarios realicen unha estadía de formación lingüística nalgún Estado membro da Unión Europea durante o verán de 2022 a través da liña de axudas para o coñecemento dunha segunda lingua. O Diario Oficial de Galicia vén de publicar esta convocatoria, que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade recupera tras a pandemia, cunhas axudas de 1.000€ por persoa, para contribuír a financiar as estadías.

O obxectivo desta liña de axudas é facilitarlle ao alumnado universitario cumprir cos requisitos e necesidades creadas polo Espazo Europeo de Educación Superior, que esixe o coñecemento dunha segunda lingua para mellorar a competencia e a capacidade de estudo e traballo no contexto internacional. Neste sentido, as persoas solicitantes deberán acreditar que van realizar un curso de idiomas (en datas entre o 15 de xuño e o 31 de agosto de 2022) cunha duración mínima de tres semanas, excluíndo as datas da viaxe, e un mínimo de 15 horas lectivas semanais. O idioma que se desexe cursar deberá corresponderse co oficial do país elixido.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 14 de marzo de 2022. Presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Poderán solicitar estas axudas os universitarios que estean matriculados no curso 2021/22, como mínimo en 50 créditos, en calquera das universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao. Ademais, os aspirantes deberán ter superado 60 créditos a data de 30 de setembro de 2021.