A Xunta reforza o apoio á investigación universitaria enfocada á excelencia e ao liderado internacional cunha inxección de 32M€ aos oito centros punteiros

O conselleiro explica que o obxectivo é afianzar as sinerxías entre centros e avanzar nun “tipo de investigación diverso e altamente especializado” que en Galicia concentra máis de 1000 investigadores organizados en máis de 60 grupos de investigación

Ven, 26/11/2021 - 13:08

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, salienta o compromiso do Goberno galego coa investigación universitaria máis excelente, co apoio específico ás unidades de investigación punteiras como son os oito centros de investigación que contan co selo de calidade CIGUS, e tamén á carreira científica desde as etapas iniciais ata a súa consolidación con contratos predoutorais, posdoutorais e de investigadores distinguidos.

Así o asegurou esta mañá durante o acto de inauguración de 100xCiencia.5: International dimension of science, o encontro científico anual dos centros e unidades de excelencia Severo Ochoa e María de Maeztu (alianza SOMMa) que entre hoxe e mañá congrega investigadores e directivos de preto de 60 centros con esta certificación para debater arredor das grandes infraestruturas internacionais, a cooperación e o intercambio de información para dar resposta aos grandes retos científicos e sociais.

Xunto co conselleiro e o reitor da USC, Antonio López, na apertura do encontro tamén interviron a científica María Blasco (en calidade de presidenta da alianza SOMMa); a directora xeral do CERN e Carlos Salgado, director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta acreditado como unidade María de Maeztu e, nesta ocasión encargado xunto coa alianza SOMMa da organización do encontro.

O titular de Universidade da Xunta explicou que a aposta do seu departamento nos últimos anos está centrada, sobre todo, no apoio á I+D+i como “vector de desenvolvemento”, na internacionalización “como garantía de diferenciación e de competitividade” e na transferencia á esfera social e económica do coñecemento que se xera nos centros.

Centros de Investigación

Precisamente co foco posto no crecemento e en acadar o liderado internacional, o conselleiro referiuse ao deseño, a partir do ano 2016, dun programa de apoio institucional do Sistema Universitario de Galicia “cunha aposta decidida ao impulso da rede de Centros de Investigación”. Lembrou tamén que os oito centros de investigación -agora agrupados baixo a marca CIGUS- están a recibir un forte apoio por parte da Xunta “cunha inversión directa de máis de 32M€ para o período 2020-22”.

O obxectivo é, segundo explicou Román Rodríguez, afianzar as sinerxías entre centros e avanzar no contexto nacional e internacional nun “tipo de investigación diverso e altamente especializado” que en Galicia concentra máis de mil investigadores organizados en máis de 60 grupos de investigación.

Doutra banda, cómpre sinalar que nos orzamentos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para o vindeiro 2022 figura un orzamento de 78M€ para seguir afianzando o modelo galego de I+D+i no ámbito universitario.

Ademais, a Xunta vén de pechar o Plan de Financiamento Universitario para o período 2022-2026, dotado con 3.208M€, e no que se contempla un eixo específico sobre a internacionalización do Sistema Universitario co fin de seguir escalando posicións nos rankins internacionais.