A terceira macroenquisa de convivencia confirma o bo clima nas aulas galegas e mellora os resultados de 2015

O 90% das familias, profesorado e persoal considera que non existen problemas deste tipo, 10 puntos máis ca na primeira macroenquisa, de hai seis anos

Diminúe a percepción de condutas negativas respecto do cuestionario realizado en 2019 e menos de 10 de cada 100 alumnos consideran que se produce acoso

Melloran os indicadores sobre a tolerancia e a inclusión e o 90% dos estudantes declaran sentirse felices ou moi felices no seu centro

Participaron preto de 218.600 membros da comunidade escolar, que amosaron un grao de satisfacción co centro de entre o 76 e o 90%

O conselleiro destaca o labor desenvolvido en prol da convivencia nos últimos anos e anuncia unha nova estratexia específica para o próximo lustro

A nova folla de ruta afondará no benestar emocional, nun uso axeitado das novas tecnoloxías e nas boas prácticas a prol dunha convivencia positiva

Mar, 28/09/2021 - 14:51

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou hoxe no Consello Galego de Convivencia os resultados do informe de diagnose da terceira macroenquisa de convivencia realizada este ano pola Xunta de Galicia entre preto de 218.600 membros da comunidade educativa, máis ca en edicións anteriores. Un estudo que confirma o bo clima nas aulas galegas e que mellora os resultados tanto da primeira macroenquisa (2015) como da precedente (2019).

Segundo explicou o conselleiro, “o 90% das familias, profesorado e persoal consideran que non existen problemas de convivencia no centro ou que estes ocorren de xeito puntual”. “Neste aspecto experiméntase unha mellora de 10 puntos con respecto á primeira macroenquisa de 2015 e, ademais, preto do 60% dos participantes consideran que a convivencia escolar mellorou con respecto a 2019”, engadiu.

No referido ás condutas negativas, os alumnos aprecian tamén un descenso das mesmas en comparación con 2019. “Só un 16% do alumnado percibe conductas negativas no centro, mentres que na última enquisa a porcentaxe era de en torno a un 22%”, explicou o conselleiro.

Os comportamentos negativos citados como máis frecuentes son os relacionados co desenvolvemento da clase (chegar tarde, interromper ao profesor...) e co trato aos compañeiros (rir deles, poñer alcumes...). Porén menos de 10 de cada 100 alumnos enquisados perciben casos de acoso ou ciberacoso ou agresións físicas. É no recreo onde se producen a maioría dos conflitos, seguido dos arredores do centro.

Actitudes positivas

Segundo o informe de diagnose presentado hoxe, máis do 80% do alumnado amosa respectar as indicacións do profesorado e adoptar comportamentos positivos como o cumprimento das normas de convivencia, atender ás explicacións ou axudas aos compañeiros, entre outras. Ademais, máis do 80% do alumnado de ensinanzas obrigatorias ten máis de tres amigos no centro (preto do 80% no caso do alumnado de ensinanzas postobrigatorias).

Por outra banda, o 91% do profesorado e o 85% do persoal non docente opina que os centros educativos e as instalacións están ben coidadas. As conductas negativas principais neste caso son o non respecto aos materiais dos demais, a realización de pintadas ou tirar lixo ao chan.

Exemplo de tolerancia

Román Rodríguez quixo poñer en valor a mellora, en liña cos datos PISA, “dos indicadores sobre a tolerancia e a inclusión nas nosas aulas”. De feito, máis do 90% considera que todo o mundo é benvido no centro, máis do 80% manifesta que o colexio promove a convivencia e a resolución pacífica de conflitos e máis do 75% dos membros da comunidade educativa son receptivos á variedade de identidade de xénero. Cómpre lembrar que PISA sitúa os alumnos galegos en cabeza xunto a Canarias en respecto e tolerancia por outras culturas.

Así mesmo, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou que o 90% do alumnado “declara sentirse feliz ou moi feliz no seu centro”, sinalando ademais que por primeira vez se incluíu na enquisa un cuestionario pictográfico para facilitar a participación do máximo número de alumnos posible. O grao de satisfacción é tamén moi alto no resto dos colectivos, con porcentaxes de entre o 76 e o 90%.

Nova estratexia

O conselleiro destacou que estes resultados son froito do traballo desenvolvido nos últimos anos, especialmente no marco da Estratexia Galega de Convivencia Escolar, Educonvives 2015-2020, “ao abeiro da que puxemos en marcha diversos instrumentos que serviron de base aos principais actores do sistema para avanzar neste eido”.

Neste sentido sinalou ferramentas como o protocolo para a prevención, detección e intervención en acoso e ciberacoso, o reforzo da formación do profesorado (cun módulo obrigatorio en todos os plans de formación en centros arredor da convivencia, a igualdade e a inclusión) ou a posta en marcha de materias de libre configuración autonómica baseadas en aspectos como a igualdade de xénero ou a sociedade inclusiva, entre outras.

Para continuar avanzando, anunciou a próxima elaboración dunha nova Estratexia Galega de Convivencia 2021-2025, “unha folla de ruta exhaustiva e rigorosa que fixe as liñas de actuación do próximo lustro”, un documento que será dialogado e que para o que se agarda a participación dos membros do Consello Galego de Convivencia.

A nova estratexia terá entre os seus eixos principais a prevención das condutas contrarias á convivencia, apostando pola formación e por un uso axeitado das novas tecnoloxías, afondando no coidado do benestar emocional, co fin de mellorar as competencias sociais e emocionais do alumnado.

“Así mesmo, poñeremos o foco nas conductas de convivencia positiva, visibilizando e destacando as boas prácticas nesta materia –indicou o conselleiro– e apostaremos por unha visión integral da convivencia”. A este respecto sinalou que as conductas negativas exceden, na maior parte dos casos, o ámbito escolar.

“Agardamos que estas dúas ferramentas, tanto a enquisa como a nova estratexia, permitan seguir dando pasos adiante no bo clima de convivencia das nosas aulas”, rematou Román Rodríguez.