A Xunta amplía a convocatoria de Clubs de Lectura á etapa de primaria e duplica o seu orzamento

En total destinaranse 400.000€ a este programa, fronte aos 200.000 de 2020

Coa ampliación da convocatoria á etapa de Primaria búscase estender ao alumnado máis novo os beneficios destes grupos de dinamización, tras os excelentes resultados de anteriores convocatorias no ensino secundario

O pasado ano o programa chegou a 213 centros escolares de toda Galicia e a máis de 10.000 participantes

Dom, 05/09/2021 - 12:00

A Xunta de Galicia vén de publicar a convocatoria para o desenvolvemento de Clubs de Lectura nos centros educativos, que este ano se amplía á etapa de Primaria e que duplica o seu orzamento total ata os 400.000€, fronte aos 200.000 da última edición. O programa chegou o pasado curso a 213 centros escolares de toda Galicia e a aproximadamente 10.100 participantes.

O obxectivo é estender os beneficios destes grupos aos máis novos, no marco das bibliotecas escolares, logo dos éxitos acadados nos clubs de lectura do ensino secundario, e reforzar, deste xeito, o papel desta ferramenta na creación e consolidación de hábitos lectores así como no desenvolvemento das competencias básicas do alumnado (comunicación lingüística, competencia social, cultural, artística...).

Non en balde, os Clubs de lectura son grupos de dinamización a prol da lectura e ámbitos de aprendizaxe de competencias clave para a vida, pero tamén espazos de convivencia e de educación cidadá. Así mesmo, a través deste programa promóvese a incorporación á lectura dixital co uso dos novos dispositivos de lectura, e levan tempo integrando as tecnoloxías da comunicación e da información de forma natural nas súas actividades (blogues, vídeos, booktrailers, redes sociais, presentacións etc.).

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 15 de outubro. Poderán solicitar participar neste programa os centros de Primaria, ESO, Bacharelato e ensinanzas de réxime especial que inclúan un club de lectura na programación de actividades da biblioteca escolar ou conten con profesorado que pretenda poñelo en marcha con alumnado e outros membros da comunidade escolar en tempos de lecer ou horario extraescolar.

As solicitudes, que se presentarán a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, deberán ir acompañadas de documentación na que se determinen as finalidades do club de lectura, as actividades programadas, a composición e número de participantes aproximado e as formas de organización e funcionamento previstos, entre outros datos.