Román Rodríguez anuncia a licitación da reforma do instituto Luís Seoane de Pontevedra por 750.000 €

A actuación enmárcase no paquete de 84 melloras que se van licitar antes de que se remate o ano, das que 39 se executarán na provincia de Pontevedra

A Xunta de Galicia está a executar este verán 150 obras de mellora en colexios e institutos da provincia, por importe de case 12M€

Ven, 30/07/2021 - 10:44
p

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou esta mañá a licitación das obras de reforma do instituto IES Luís Seoane de Pontevedra, que suporán un investimento de preto de 750.000€. O obxectivo da intervención é dotar ao centro de máis aulas e servizos asociados habilitando parte do semisoto, actualmente con uso de almacén, a esta finalidade.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicou que esta obra enmárcase no paquete de 84 actuacións por importe de máis de 39M€ que a Xunta de Galicia vai licitar antes de que remate o ano, das que 39 obras se executarán na provincia pontevedresa.

Así mesmo lembrou que, ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o Goberno galego está a executar este verán 557 actuacións novas en colexios e institutos de toda a Comunidade, cun orzamento de preto de 30M€. Delas, 150 obras estanse a desenvolver en centros da provincia de Pontevedra, cun investimento de case 12M€. Así mesmo, este ano remataranse e recibiranse 10 obras na provincia iniciadas en anos anteriores, por importe de 4M€.

Román Rodríguez puxo en valor a aposta da Xunta de Galicia pola renovación das infraestruturas educativas, en prol do maior benestar da comunidade escolar. Salientou, ademas, que co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica o Goberno galego vai consolidar un novo modelo de centros educativos, con espazos máis amplos e saudables e mellor integrados na súa contorna, tanto desde o punto de vista paisaxístico como social. Así mesmo, afondarase na dixitalización dos centros e na súa formulación como espazos polivalentes a servizo das necesidades da educación do século XXI.

Mellor servizo para o alumnado

O conselleiro de Educación destacou que a obra no Luís Seoane vai servir para dar un mellor servizo aos preto de 1.000 estudantes do centro. Non en balde, a través desta obras crearanse cinco aulas polivalentes, unha aula-taller, unha aula de informática, vestíbulo, almacén, aseos e vestiarios nunha superficie útil de 895m² e construída de 1.029m².

Para acadar estes novos espazos, realizaranse traballos de demolición e de desmontaxe das instalacións de fontanería, saneamento e electricidade. Así mesmo, construiranse unha escaleira nova, habilitarase un novo trazado de instalacións de fontanería e de separacións entre salas e instalaranse novos elementos de iluminación, sinalización e control de incendios.

A obra terá un prazo de execución de seis meses, polo que se prevé o seu remate para o primeiro semestre de 2022.