A Xunta reclama ao Goberno central fondos específicos fronte á covid no ensino e para contratación de profesorado

Tamén se deben incrementar os fondos para o Plan Recupera, que se viron minguados en 1M€

Román Rodríguez traslada á nova ministra a necesidade de recuperar as reunións coas comunidades onde tomar as decisións importantes para a calidade do sistema educativo

Reclama unha maior participación na elaboración da nova lei de FP, co fin de corrixir os defectos que presenta o anteproxecto e “que non se converta nunha nova lei Celaá”

Solicita unha solución específica para que o alumnado que proceda de BUP poida continuar accedendo aos ciclos formativos, tras a derrogación da LOMCE

Pide que se axilice a elaboración da normativa básica para os novos currículos

Mér, 21/07/2021 - 17:55

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe na Conferencia Sectorial de Educación, a primeira presidida pola nova ministra do ramo, Pilar Alegría, na que reclamou ao Goberno central fondos específicos para a contratación do profesorado de cara ás necesidades que xere o vindeiro curso 2021/22.

O representante da Xunta de Galicia deu a benvida á ministra e celebrou que nos seus primeiros días no cargo celebre unha Conferencia Sectorial, un foro que, considerou, “é imprescindible para a posta en común de asuntos fundamentais para o éxito e a calidade do sistema educativo español e que nos últimos tempos perdera, desafortunadamente, a súa relevancia”.

Entre os principais asuntos de interese para Galicia nesta Conferencia, o conselleiro reclamou ao Goberno de España que informe xa ás comunidades autónomas de se lles vai transferir fondos concretos para a contratación dos docentes precisos para atender as necesidades vinculadas á covid o próximo curso. Neste sentido, recordou que os fondos procedentes do mecanismo europeo REACT-EU, tal e como xa manifestaron varias CCAA, non poden ser empregados para este fin.

Anticipación para o próximo curso

“A Xunta xa ten aprobado, seguindo as indicacións dos ministerios de Sanidade e Educación e co aval do Comité Clínico, o protocolo para o próximo curso e comprometeu todos os apios necesarios para garantir a seguridade sanitaria nas aulas e preservar a calidade académica”, explicou o conselleiro. “É necesario que se nos informe xa dos recursos adicionais cos que imos poder contar”, incidiu.

Neste sentido, manifestou a necesidade de que a próxima reunión coas CCAA se celebre na data máis próxima para evitar problemas organizativos nos centros.

Por outra parte, Román Rodríguez pediu ao Goberno central un esforzo adicional para incrementar os fondos do PROA+, cos que se cofinanciará o Plan Recupera, dado que a asignación confirmada para Galicia é aproximadamente 1M€ inferior á indicada inicialmente.

Non burocratizar a FP

No referido ao anteproxecto de Lei de FP, demandou unha maior participación na elaboración deste texto normativo e sinalou que o proceso se realizou á inversa, dado que se aprobou o anteproxecto de lei no Consejo de Ministros antes de debatelo na Conferencia Sectorial, nun intento de repetir o sistema establecido para a aprobación da lei Celaá, de costas ás comunidades.

Respecto do contido do texto, Román Rodríguez reclamou unha lei máis flexible e con maior capacidade para a incorporación de profesorado especialista, así como un texto que permita adaptar de xeito áxil a oferta de ciclos aos cambios do sistema produtivo e mellorar a oferta e adecuala ao mundo laboral. Así mesmo, explicou que a nova lei debe poder ser adaptada ás particularidades do sistema produtivo e estrutura empresarial de cada comunidade.

O conselleiro explicou que o texto fai unha invasión de competencias, abordando asuntos que xa están a ser regulados polas CCAA, burocratiza a FP e tende a afastar as empresas do sistema educativo. Unha norma, polo tanto, “que pode afectar ao gran éxito do modelo galego de FP no referido á confianza empresarial e á inserción laboral do alumnado que cursa estas ensinanzas”, dixo.

No tocante aos fondos para a FP, pediu unha maior flexibilidade na xestión dos fondos europeos, para que por exemplo se poidan financiar con eles os ciclos en inglés xa existentes e non só os novos.

Así mesmo, solicitou que a nova lei de FP recolla nunha disposición transitoria a posibilidade de que os alumnos que accederan á oferta de FP cos estudos de BUP completos (tal e como permitía a LOMCE) poidan concluír as ensinanzas nas que de FP nas que estaban matriculados no momento de aprobación da LOMLOE. A lei Celaá eliminou esta posibilidade, afectando especialmente ás persoas matriculadas no réxime modular para adultos.