A Xunta abre o prazo para incorporar centros ao programa de innovación educativa ‘Club de Ciencia’

Este curso participaron un total de 117 centros das catro provincias galegas, cun rápido crecemento en só cinco cursos

O obxectivo é promover o desenvolvemento das competencias científico-tecnolóxicas entre os máis novos

Mér, 16/06/2021 - 15:33

A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo para incorporar novos centros ao programa de innovación educativa Club de Ciencia. Este é o sexto ano consecutivo que se pon en marcha esta iniciativa, que naceu como experiencia piloto no curso 2016/17 con nove centros e que chegou aos 117 centros no 2020/2021, dos que 55 son da provincia da Coruña, 13 de Lugo, 12 de Ourense e 37 de Pontevedra.

O obxectivo desta iniciativa é promover o desenvolvemento das competencias científico-tecnolóxicas entre os máis novos, no marco da Estratexia de Ensino Dixital, Edudixital 2030, a folla de ruta coa que o Goberno galego vai impulsar a dixitalización do sistema educativo, e que inclúe medidas como a dotación de espazos maker e polos creativos nos centros, ou a implantación da Intelixencia Artificial no curriculum de todas as etapas educativas.

Aprendizaxe non formal

O Club de Ciencia defínese como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación onde os docentes suxiren diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que poidan dar resposta ás súas curiosidades, aos seus intereses e resolver problemas. Deberá estar formado por un ou máis docentes de calquera especialidade e alumnado de Educación Primaria, Secundaria obrigatoria ou Bacharelato. Un dos docentes actuará como persoa coordinadora do club.

As actividades desenvolverase fóra do horario lectivo do alumnado nos espazos que se consideren ou habiliten do centro docente, cun mínimo dunha media de catro horas ao mes.

Cada centro docente seleccionado para desenvolver un Club de Ciencia recibirá unha achega económica, a determinar en función do número de centros que finalmente participen no programa. O importe concedido a cada centro deberase destinar a sufragar gastos que estean debidamente xustificados e imputables á participación nesta convocatoria e en ningún caso se utilizarán para adquisición de materiais inventariables.

Solicitudes

Poderán presentar solicitudes aqueles centros docentes públicos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que impartan ensinanzas de Educación Primaria, Educación Secundaria obrigatoria ou Bacharelato. A solicitude e documentación dirixirase á Secretaría Xeral de Educación e FP e presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos na Sede Electrónica da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes e documentación remata o 17 de setembro de 2021.