Xunta e universidades sentan as bases do mapa de titulacións do sistema universitario de Galicia ata 2026, que suporá a implantación de 15 novos másteres e unha ducia de graos

Román Rodríguez subliña que este acordo é o resultado do "diálogo e o entendemento a prol da innovación, do talento universitario, do benestar social e do crecemento produtivo"

A folla de ruta acordada blinda unha oferta académica diversificada, innovadora e adaptada aos retos profesionais de futuro, ao tempo que se impulsa a especialización dos campus

Terán prioridade as propostas de títulos que ata o de agora non se ofertan, as capacidades do profesorado dispoñible e a garantía de calidade da titulación así como o mantemento dun equilibrio entre institucións

Un dos obxectivos é completar o sistema público de titulacións de grao para que calquera poida estudar sen saír da comunidade autónoma

Mér, 16/06/2021 - 12:57

O Goberno da Xunta e as tres universidades galegas veñen de asinar o acordo marco do Mapa de Titulacións do Sistema Universitario de Galicia (SUG) a implantar ata o ano 2026 e que suporá a posta en marcha de 15 másteres de nova creación e dunha ducia de novas titulacións de grao nos sete campus universitarios.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e os reitores da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, e da Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Reigosa, ratificaron esta mañá a que será a folla de ruta das titulacións universitarias no sistema público galego para o período 2022-2026, co que se dá continuidade ao primeiro deste tipo, con carácter pioneiro, acadado en 2017 para o período 17-21 que agora remata.
Este acordo, en palabras do conselleiro, “é o froito do diálogo e do entendemento entre as administracións educativa e universitarias a prol da innovación, do talento universitario, do benestar social e do crecemento produtivo” xa que “as nosas tres grandes institucións universitarias son o catalizador do futuro de Galicia, que se verá reforzado a través deste novo Mapa de Titulacións para os vindeiros cinco anos”. Un dos obxectivos é, precisamente, completar o sistema público de titulacións de grao par que calquera poida realizar estudos universitarios sen saír da comunidade autónoma.
Criterios de calidade docente, equilibrio e especialización dos campus
Tanto para a implantación dos másteres como dos graos, o acordo establece unha serie prioridades a ter en conta como a proposta de títulos inexistentes ata o de agora no sistema universitario galego, o mantemento dun equilibrio entre institucións, as capacidades do profesorado dispoñible e a garantía da calidade da titulación, e que afonden na estratexia de especialización dos campus.

Precisamente, atendendo aos criterios de especialización, terán preferencia os campus acreditados ou en proceso de acreditación, cuxas liñas principais docentes e de investigación coincidan ou encaixen maioritariamente coa temática do título a ofertar. Así mesmo farase fincapé nas titulacións de carácter interuniversitario, internacional ou modalidade dual cunha orientación práctica e aplicada dos estudos.

En todo caso, tal e como especificou o conselleiro, “non se trata dun catálogo pechado, senón todo o contrario, está aberto ao enriquecemento e perfeccionamento constante a través das achegas que fagan as propias universidades”.

Oferta adaptada ás necesidades de futuro

Segundo explicou, a folla de ruta que ten como horizonte o ano 2026 está centrada en “blindar o reforzo do alumno, a adaptabilidade ao mercado laboral e a especialización de cara a un escenario profesional máis diverso” a través dunha diversificación da oferta académica atractiva para o estudantado.

A partires desta marco estratéxico conxunto, a Consellería de Educación e as tres universidades van seguir traballando para fixar a distribución e os horizontes temporais da nova oferta por campus universitarios. Así pois, o mapa fixa a implantación de 15 novos másters en consonancia cos perfís profesionais de futuro enmarcados no Plan Galicia 2030 para adaptar a oferta universitaria ás ocupacións estratéxicas da próxima década e que van en consonancia con ámbitos relativos á sustentabilidade, ás microciencias ou á interacción 4.0.

Nestes momentos xa existe un acordo entre as tres universidades do SUG para impartir os títulos interuniversitarios de grao e máster en Intelixencia Artificial no curso 2022-2023 nas tres universidades públicas galegas onde actualmente se están a ofertar os graos de Enxeñaría informática.

Así mesmo está previsto ampliar entre 10 e 12 a oferta de novos graos coa incorporación de titulacións que ata o de agora non existían na oferta do Sistema Universitario Galego relativos a disciplinas relacionadas coas biociencias, as enxeñarías avanzadas, a sustentabilidade ou as humanidades dixitais.