Román Rodríguez destaca os valores da escola rural na súa visita ao CEIP de Arcediago, en Santiso

Na clausura dun proxecto cultural deste centro, o conselleiro de Educación salienta o traballo en equipo que desenvolve o alumnado destes centros

Mar, 15/06/2021 - 13:55
v

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe na xornada Cultureando na nosa escola rural, organizada polo colexio CEIP de Arcediago, en Santiso. Na súa visita, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou os valores da escola rural, sinalando este centro como un exemplo do traballo colaborativo que desenvolve o alumnado deste tipo de colexios. Neste sentido, e dirixíndose aos alumnos, felicitounos por “ser un exemplo de como o éxito da educación está en apoiarse nos demais e colaborar entre todos para medrar e sermos máis fortes”.
O representante do Goberno galego quixo tamén felicitar ao equipo directivo e docente do centro por “ser quen non só de interpretar as necesidades dos alumnos, senón tamén de integralas no propio espazo co centro e así contribuír a aproveitar o seu enclave natural e facelo parte das leccións aos máis cativos”, sinalou. “Poucos centros de Infantil e Primaria en toda Galicia ofrecen unha fórmula de ensinanza tan única como a que impartides neste colexio, que combina harmonicamente a comunicación humana coas técnicas lectivas máis innovadoras”, dixo.
Román Rodríguez puxo en valor, así mesmo, a iniciativa cultural celebrada esta mañá, que contou coa participación de Carmen Penim e Maurizio Polsinelli, voz e piano respectivamente do grupo 2nafronteira, e coa actuación da Banda de Música de Visantoña.