A Xunta convoca os premios de excelencia académica ao alumnado de grao das universidades galegas

Premiarase o mellor expediente de cada un dos cursos de grao oficial, agás o último que conta con outro premio específico, en cada un dos centros nos que se imparta, co obxectivo de recoñecer o esforzo dos estudantes universitarios de Galicia
A convocatoria, que o ano pasado recoñeceu a 396 estudantes, medra ata os 518.000€
Mar, 08/06/2021 - 12:21

A Xunta de Galicia vén de convocar no Diario Oficial de Galicia (DOG) os premios de excelencia académica ao alumnado de grao universitario oficial que obtivo as mellores cualificacións no curso 2019/20 no Sistema Universitario de Galicia (SUG) en cada un dos cursos de grao, -agás o último que conta cun premio específico- e, en cada centro no que se imparta. O obxectivo destes galardóns é recoñecer o esforzo dos estudantes universitarios galegos, que redunda nunha mellora da calidade para o conxunto do sistema.

Os premios de Excelencia Académica veñen completar os Premios Fin de Carreira, que cada ano lles outorga a Consellería de Cultura, Educación e Universidade aos mellores expedientes dos egresados nas universidades do SUG. No ano 2020 recibiron estes premios un total de 396 estudantes.

O orzamento total da convocatoria increméntase ata os 518.000 euros e cada persoa que resulte premiada recibirá unha dotación económica de 1.000 euros e un diploma acreditativo desta distinción. Ademais, no caso de non esgotarse cos premios o crédito existente, a contía restante repartirase entre os galardoados cunha nota igual ou superior ao 9, en contías de 500 euros.

Serán as propias universidades as que seleccionen os expedientes académicos das persoas que obtivesen a maior nota media, sempre superior aos 8 puntos, superando a totalidade dos créditos matriculados que, como mínimo, serán 60 no caso dos graos oficiais e de 72 nos programas de simultaneidade de graos.

As universidades deberán facer público a través das súas páxinas web a relación de alumnos propostos para os premios, de acordo cos requisitos establecidos na convocatoria.

Concederase un premio por cada titulación oficial de grao ao alumnado que finalizase os estudos correspondentes a un dos cursos en cada un dos centros nos que se imparta. Nos programas de simultaneidade de graos estenderase o premio ata o penúltimo curso anual dos programas. Quedan excluídos os de último ano por poderen optar aos premios fin de carreira que tamén convoca a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.