A Xunta, a Fundación María José Jove e Ingada levan formados arredor de 2.000 de docentes no ámbito do TDAH

O acordo de cooperación, en marcha desde o curso 2014/2015, renovouse hoxe nun acto no que se galardoaron os proxectos gañador e finalistas da VII Bolsa Ingada-María José Jove
O secretario xeral de Educación, José Luis Mira, salientou o labor de ambas entidades a prol da atención á diversidade e o ensino inclusivo
O CEP Santa Tegra de Teis (Vigo) alzouse co premio desta edición cun proxecto inclusivo sobre matemáticas, mentres que os finalistas foron o IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez da Estrada e o CEIP Rosalía de Castro de Lugo
Lun, 07/06/2021 - 15:28
x

A Xunta de Galicia, a Fundación María José Jove e o Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados (INGADA) levan formados desde o curso 2014/2015 arredor de 2.000 docentes (600 na edición deste ano, que foi integramente on line por mor da pandemia) na abordaxe educativa do Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH), ao abeiro do convenio de colaboración subscrito para este fin.

O secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira; a presidenta da devandita Fundación, Felipa Jove, e o presidente de Ingada, Ángel Carracedo, asinaron hoxe a addenda a este acordo que ten como obxectivo actualizar e mellorar os coñecementos do profesorado sobre o TDAH e, deste xeito, incidir nunha mellora da atención educativa aos alumnos na aula, facilitando o seu desenvolvemento e integración.

No acto, no que tamén estivo presente a vicepresidenta de Ingada, Elvira Ferrer, entregáronse os premios dos proxectos gañador e finalista da VII Bolsa Ingada-María José Jove.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, José Luis Mira, salientou que esta colaboración enmárcase dentro da aposta do Goberno galego por consolidar un sistema educativo inclusivo e equitativo, para o cal cómpre poñer en marcha recursos específicos de atención á diversidade ao tempo que impulsar as potencialidades de cada un dos alumnos independentemente da súa condición.

A este respecto, José Luis Mira lembrou que desde a Administración educativa se fixo un importante esforzo neste sentido nun curso especial como o que está a rematar, marcado pola pandemia. Neste senso referiuse ao Plan de Atención ao Alumnado Vulnerable posto en marcha pola Xunta este ano, unha iniciativa “de carácter preventivo” co obxectivo principal de garantir o proceso educativo destes alumnos en todos os contextos e en igualdade de condicións que os seus compañeiros, e que conta cuns 4.000 profesionais de apoio no sistema público.

Proxectos gañadores

Ademais de recoñecer o labor das Fundacións María José Jove e Ingada a prol dun ensino inclusivo, José Luis Mira aproveitou para felicitar á gañadora da Bolsa Ingada-María José Jove, que desta vez recaeu no proxecto presentado por Iria González, do CEP Santa Tegra de Teis (Vigo), cun proxecto que aposta por facilitar o proceso de ensino da área de matemáticas na aula, apoiado con materiais manipulativos e recursos tecnolóxicos.

Ademais deste proxecto gañador, o xurado seleccionou outros dous finalistas que son o de Olalla Añón, do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez da Estrada, sobre estratexias para o alumnado con TDAH no contexto educativo; e o de Ana María López Rielo, do CEIP Rosalía de Castro de Lugo, cun traballo sobre o teatro e a comunicación.

Curso de formación

Os cursos de Formación de Profesorado en relación co Alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) impartidos ao abeiro da colaboración entre as tres entidades están dirixidos a docentes de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional. Trátase de formación impartida por neuropsicólogos, psiquiatras, logopedas, médicos e pedagogos co obxectivo de achegarlles aos asistentes o coñecemento necesario sobre o TDAH, para que poidan abordalo nas aulas da mellor maneira posible, facilitando o desenvolvemento do alumnado e a súa integración.