A Xunta convoca o programa de Educación Responsable para o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade

Na actualidade participan nesta iniciativa 63 centros de ensino, 6.500 alumnos e 560 docentes

O obxectivo é promover a comunicación e mellorar a convivencia nos centros

Dom, 25/04/2021 - 12:05

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de convocar o programa Educación Responsable, para o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade no curso 2021/2022. A iniciativa, que se desenvolve en colaboración coa Fundación Botín, ten tamén entre os seus obxectivos o de promover a comunicación e mellorar a convivencia nos centros docentes a partir do traballo co profesorado, co alumnado e coas familias.

Trátase dun proxecto centrado na aplicación didáctica, dentro das áreas curriculares, dunha serie de recursos de educación emocional, social e creativa, que se desenvolve de forma coordinada entre todos os centros da rede de Centros Educación Responsable da Comunidade Autónoma Galega

Poden participar nesta convocatoria os centros docentes públicos que imparten ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación especial, educación secundaria obrigatoria (ESO) e formación profesional básica (FP básica)

Formación en centros

Os centros que se unan ao programa farano a través da participación na convocatoria dos Proxectos de Formación en Centros e a implementación na aula mediante da liña Emociona dos contratos-programa. Educación Responsable desenvolverase nos centros educativos ao longo de tres cursos escolares. O obxectivo do primeiro curso, fase inicial e de crecemento, é que o Equipo de Educación Responsable de cada centro participante coñeza as ferramentas didácticas propias da educación emocional e aplique as actividades do programa

Na segunda fase, de expansión que se desenvolverá no ano académico 2022/2023, o centro participante asumirá este programa como unha liña prioritaria dentro do seu proxecto educativo. Con este obxectivo, os encargados de recursos de Educación Responsable forman ao resto dos docentes programando e aplicando as actividades de forma colaborativa, estendendo o programa a un maior número de alumnado.

A fase de consolidación, no curso 2023/2024, ten como obxectivo que o centro docente utilice de forma autónoma as metodoloxías, técnicas e actividades e sexa quen de elaborar outras novas, incluíndo obxectivos propios do crecemento emocional, social e creativo do alumnado. Para iso, será necesario que a maioría dos docentes do centro incorporen nas súas programacións de aula actividades de Educación Responsable e que se aplique a totalidade dos recursos do programa coa maior parte do alumnado.

Os centros que cumpran os obxectivos establecidos serán acreditados e pasarán a formar parte da Rede de Centros do Programa de Educación Responsable. O prazo de presentación de solicitudes, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, remata o día 13 de maio de 2021.

Galicia incorporouse a Rede de centros de Educación Responsable no curso 2014/2015, e actualmente participan no programa un total de 63 centros de ensino, preto de 6.500 alumnos e case 560 docentes. O programa Educación Responsable, desenvólvese en outras comunidades españolas, concretamente en Cantabria, Madrid, A Rioxa, Navarra, Murcia, Castilla-León, Aragón e Comunidade Valenciana, así como en Uruguai, Chile e México.