Galicia reclama unha mecánica de traballo máis rigorosa e enriquecedora na elaboración da nova Lei de universidades

Considera que a Conferencia General é un foro idóneo para grupos de traballo específicos que analicen propostas de consenso para a nova normativa
Solicita un financiamento específico e nominal por parte do Ministerio que acompañe o esforzo que están a facer todas as CCAA en materia universitaria
Lun, 19/04/2021 - 14:43
uni

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe na Conferencia General de Política Universitaria onde reclamou “unha mecánica máis rigorosa e enriquecedora” na elaboración da nova Lei do Sistema Universitario (LOSU), cuestión que xa lle foi solicitada mediante unha carta previa enviada ao ministro do ramo, Manuel Castells.

En relación ao documento de traballo remitido polo Ministerio de Universidades para iniciar o proceso de elaboración da nova norma, A universidade que queremos, o conselleiro declarou que se estrutura sobre unha serie de asuntos arredor dos que se propoñen interrogantes a responder polos receptores do mesmo, “un plantexamento que resulta anómalo e nin sequera ofrece a información mínima que debe poñerse a disposición dos cidadáns para o trámite de consulta pública previa”.

O representante da Xunta de Galicia explicou que a Conferencia é un foro idóneo para abordar esta iniciativa normativa mediante debates e grupos de traballo específicos no seo da propia Conferencia que analicen de forma sistemática as propostas, integren aquelas nas que exista consenso e, “en definitiva, garantan a igualdade dos participantes e o coñecemento plural do proceso de elaboración da nova lei”.

Neste sentido recordou que este foi, precisamente, o modo de actuar nos anos 2018 e 2019, cando se abordaron asuntos como a redacción do decreto de organización de ensinanzas universitarias. Así mesmo, o representante autonómico explicou que desde a entrada en vigor da actual Lei Orgánica 6/2001 de Universidades “son moitos os debates, estudos e documentos elaborados por organizacións, fundacións, administracións, universidades, consellos sociais…, cuxas conclusión son un bo punto de partida para afrontar a nova regulación do noso sistema universitario”.

Proposta de anteproxecto

No referido ao documento remitido desde o Ministerio como punto de partida para a elaboración normativa, o conselleiro sinalou que o Ministerio de Universidades é o que ten a competencia para elaborar un anteproxecto de lei, “un primeiro borrador sobre o que traballar e chegar a consensos enriquecendo a redacción final con alegacións concretas”.

A metodoloxía de traballo proposta polo Ministerio de Universidades levaría a unha demora indesexable á hora de abordar o anteproxecto e que só conseguiría recoller “unha serie de opinións parciais” que non aportarán “nada positivo ao debate, salvo deixar pasar semanas nun período de participación cego”.

Financiamento específico

Por outra banda, e diante da intención do Ministerio de Universidades de non achegar fondos finalistas para universidades ás comunidades autónomas, que deberán obtelos do reparto de fondos xerais que reciban do Estado, Román Rodríguez solicitou un cambio de criterio a este respecto.

Insistiu en que é necesario que o Ministerio asegure “unha concreción específica e nominal dos fondos para as universidades, que complemente o esforzo que todas as CCAA están a facer para financiar estas institucións académicas”. En definitiva, que garanta un financiamento suficiente e non se escude en transferencias indirectas, sen claridade.