As Comisións Provinciais Xunta-Concellos para o seguimento do absentismo abordaron 108 casos ao longo deste curso

O representante da Consellería de Educación valora positivamente e agradece o labor dos especialistas docentes, sanitarios e do ámbito dos servizos sociais

É unha ferramenta pioneira en Galicia como mostra da sensibilidade cos casos excepcionais derivados pandemia e que só afectaron a un 0,03% do alumnado

Ven, 16/04/2021 - 13:13

As Comisións Provinciais Xunta-Concellos para o seguimento de posibles situacións de absentismo con orixe na covid-19 abordaron un total de 108 casos ao longo deste curso escolar. Así o explicou o secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, no Parlamento de Galicia, onde sinalou que a creación deste grupos de especialistas é mostra da sensibilidade do Goberno galego coa excepcional situación provocada pola pandemia, unha ferramenta que non están a empregar outras autonomías e pola que se interesaron as administracións educativas de Navarra ou a Comunidade Valenciana.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade puxo en valor a normalidade coa que se está a desenvolver o curso escolar, grazas ao labor de toda a comunidade escolar. De feito, os casos abordados nestas comisións supoñen só un 0,03% do total da poboación escolar nas etapas analizadas, unha mínima incidencia.

Dos 108 casos, só 41 foron remitidos ao Ministerio Fiscal, mentres que ao resto déuselle solución a través de diferentes vías, como os equipos de Atención Virtual ao Alumnado (AVA) –creados este curso precisamente para prestar un mellor servizo nestas situacións–, ou a atención directa ao alumnado a través das ferramentas das que dispón o seu propio centro.

Funcionamento satisfactorio

A este respecto, o secretario xeral quixo agradecer tanto o traballo e colaboración dos concellos nestas comisións como o esforzo e sensibilidade dos equipos directivos dos centros e do profesorado diante destes casos particulares, nos que as comisións determinaron que se precisa un apoio e atención particular e personalizada pola especial situación do alumno, sempre xustificada.

“O funcionamento das comisións considérase plenamente satisfactorio”, valorou, destacando “a análise pormenorizada dos casos presentados e a obxectividade dos criterios establecidos”. Neste sentido, explicou que os seus integrantes, “pola súa diversa especialización, deron perfecta conta de cada caso, valorando tanto desde o punto de vista médico-sanitario ou educativo como social-familiar, resolvendo desde un punto de vista integral e daquela valorando todo os aspectos concorrentes”.

No referido aos equipos AVA, o representante autonómico sinalou que veñen dar solución a unha serie de alumnos cunha resposta educativa axeitada e salientou que “a día de hoxe a implicación das familias é en xeral apreciable o que facilita un clima de colaboración importante”.

Contrato de transporte escolar

Pola súa banda, o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Manuel Vila, explicou tamén na Comisión 4ª que no prazo aproximado dun mes e medio estará listo o novo contrato de licitación do transporte escolar, tras os cambios realizados para melloralo, e poderá reiniciarse o proceso.

Como expuxo, o obxectivo do Goberno galego é ofrecer a mellor calidade no servizo e que o que se está facendo neste momento son axustes e cambios sobre os errores detectados nun traballo técnico inicial moi importante realizado en plena pandemia a pesar das limitacións para axustarse aos prazos legais estipulados.

Lembrou, igualmente, que este servizo “se caracteriza pola súa complexidade na xestión e pola súa función esencial”. Non en balde, “trátase de 6,3 millóns de quilómetros percorridos ao ano, o equivalente a dar a volta á Terra 157 veces”.