Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

VII Concurso de Traballo por Proxectos. Convocatoria 2020/2021

Mér, 14/04/2021 - 12:35
Xúntase a convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 12 de abril de 2021, no contexto do PLAN LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe), do VII CONCURSO DE TRABALLOS POR PROXECTOS baixo a coordinación (ou coa participación) da biblioteca escolar, en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para o curso 2020/2021.

Búscase estimular, mediante o recoñecemento de boas experiencias de traballos por proxectos, o deseño e desenvolvemento de proxectos de carácter interdisciplinario ou de proxectos de investigación, baixo a coordinación do equipo de biblioteca escolar ou co apoio desta, na liña da metodoloxía de aprendizaxe baseada en proxectos (ou ABP), realizados en centros non universitarios durante o curso 2019/2020 e/ou o curso 2020/2021.

Os centros participantes deberán optar por unha destas modalidades:
 

  1.  Proxectos de carácter interdisciplinario, ou Proxectos Documentais Integrados, coordinados desde a biblioteca escolar, e que conten coa participación dun mínimo do 40% dos grupos-aula existentes no centro (ou un 40% dos departamentos, no caso dos centros de ensino secundario).
  2.  Proxectos de investigación dirixidos por profesorado dun grupo, nivel, ciclo ou departamento, nas seguintes sub-modalidades:
    • Traballos de grupo/nivel
    • Traballos de ciclo/departamento
    • Proxectos realizados na materia de libre configuración de 1º/2º de ESO “Investigación e Tratamento da Información”, ou noutras materias equivalentes en ESO ou primaria.
  3. Proxectos de investigación intercentros, promovidos desde as bibliotecas (máximo 3 centros).
  4. Proxectos realizados con metodoloxía científica. Co fin de estimular a curiosidade por distintos fenómenos das ciencias experimentais ou sociais e reforzar o desenvolvemento do pensamento científico do alumnado, establécese unha nova modalidade, á que se poderán presentar traballos realizados co apoio dos recursos e oportunidades da biblioteca escolar, en calquera dos formatos anteriores: proxecto interdisciplinario, grupo-nivel, grupo internivelar/departamento ou na materia de “Investigación e Tratamento da Información” de 1º/2º de ESO, ou semellante en ensino primario, baixo as pautas do método científico.

 

Todos estes traballos teñen que realizarse co apoio e colaboración da biblioteca escolar e contando cos seus recursos e posibilidades.

A temática do proxecto escollida pode ser de calquera ámbito do coñecemento, pero contemplarase un apartado especial de traballos do ámbito científico.

  •     O prazo para a presentación dos traballos remata o 10 de xullo de 2021.