A Xunta creará unha gran área educativa no centro de Lugo coa creación dun novo instituto no edificio anexa

A zona converterase nunha referencia do ensino, pois concentrará un colexio, tres institutos e un centro integrado de FP, ademais de instalacións deportivas
Darase así resposta á alta demanda de prazas de secundaria
A nova facultade situarase no Campus de Fingoi
Esta actuación súmase ás melloras nos institutos Lucus Augusti e Ollos Grandes e á ampliación do CIFP Politécnico, por un importe total de 2,7M€
“É un acordo que fai cidade, pois suporá un impulso decidido ao Campus e será enormemente beneficioso para o sistema educativo”, afirma Román Rodríguez
Lun, 05/04/2021 - 12:33
lugo

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, asinaron hoxe un protocolo xeral de actuación para a reorganización e xestión de infraestruturas educativas na cidade de Lugo. Ao acto asistiu tamén o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. En concreto, acórdase o traslado da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo ao Campus de Fingoi, que se situará nun novo edificio.

Como contrapartida, a USC cederá á Consellería de Educación o edificio que ocupa na actualidade a facultade, e que é compartido co colexio CEIP Anexa. Este espazo será destinado á creación dun novo instituto público. Deste xeito, tal e como explicou Román Rodríguez, “a Xunta creará unha gran área educativa no centro de Lugo, moi preto dun dos nosos elementos patrimoniais máis senlleiros, a Muralla”. Isto permitirá, ademais, dar resposta á alta demanda de prazas de secundaria nesa zona da cidade.

O conselleiro destacou que este acordo “fai cidade, xa que por unha banda suporá un impulso decidido a este Campus e á USC e, por outra banda, será un acordo enormemente beneficioso no noso sistema educativo”. “En definitiva, un gran proxecto á altura desta cidade que demostra o compromiso da Xunta con Lugo, e que se suma ao investimento realizado no último ano de 8,5M€ en obras -afirmou-. Apostar por reforzar as nosas infraestruturas educativas é apostar polo futuro”.

Impulso ao Campus Terra

Así mesmo, recordou que esta actuación responde tamén “ao obxectivo de seguir apoiando o Campus Terra, no que levamos investido case 4M€ desde 2013”, e que conta cun proxecto moi avanzado no referido á acreditación da súa especialización.

A nova área educativa no centro de Lugo estará conformada por un colexio (o CEIP Anexa) un Centro Integrado de Formación Profesional (o CIFP Politécnico), e tres institutos (os IES Lucus Augusti, Nosa Sra. dos Ollos Grandes e o novo que se construirá no espazo ocupado na actualidade pola Facultade de Formación do Profesorado). Así mesmo, no corazón desta área haberá un gran espazo dedicado a instalacións deportivas para uso dos devanditos centros educativos.

Este novo instituto e a adecuación de espazos do CEIP Anexa sumarase aos 1,5M€ que o Goberno galego vai investir na rehabilitación integral dos outros dous institutos desta área (Lucus Augusti e Ollos Grandes), previstas para o verán de 2022, así como ao 1,2M€ que xa se está investindo na ampliación do CIFP Politécnico. A adecuación dos espazos para o novo centro comezaríase no 2023, unha vez que se remate a nova facultade e se acometa o traslado do alumnado e profesorado o campus.

A Xunta de Galicia financiará ao 49% a edificación desta nova facultade e a reorganización do Campus de Fingoi, cunha achega máxima de 4M€.