A Xunta iniciará este ano a rehabilitación integral do IES Valle-Inclán, cun investimento de máis de 2,5 M€

O conselleiro de Educación visitou hoxe este centro de Secundaria, que é o máis antigo da provincia de Pontevedra

Román Rodríguez subliña o compromiso do Goberno galego coa modernización e mellora das infraestruturas educativas acorde cos novos parámetros enerxéticos e medioambientais actuais para mellorar o confort da comunidade educativa

As obras enmárcanse dentro das programadas nos Orzamentos do 2021, que contemplan un esforzo inversor en infraestruturas de 61,4M€

Lun, 18/01/2021 - 13:57

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou esta mañá o IES Valle-Inclán de Pontevedra, onde a Xunta de Galicia vai iniciar este ano unha importante obra de rehabilitación integral deste instituto de secundaria, que é o máis antigo da provincia.

Segundo explicou o conselleiro, á falta de concretar os detalles que virán determinados polo proxecto técnico cuxa redacción se iniciará este mesmo mes, estímase que esta actuación absorberá un investimento de máis de 2,5 millóns de euros por parte do Goberno galego, dos cales 600.000 euros xa están comprometidos nos orzamentos deste ano.

Román Rodríguez destacou a necesidade de actuar neste IES co obxecto de eliminar os problemas derivados do paso do tempo, así como para adaptar e actualizar esta infraestrutura aos parámetros enerxéticos, mediambientais e de confortabilidade actuais. Isto é, “mellorar unha infraestrutura que foi deseñada e pensada para atender os escolares de principios do século pasado e adaptala ás necesidades do actual século XXI”.

“Unha actuación integral que esperamos poñer en marcha o máis rápido posible co obxectivo rehabilitar este centro que non só destaca no ámbito educativo, senón que, ademais, conta cun peso cultural moi importante dentro da provincia”, subliñou o conselleiro. Neste mesmo sentido, Román Rodríguez agradeceu o labor do equipo directivo que “cada día” continúa traballando para que este centro continúe sendo unha referencia.

Actuacións na estrutura e nas cubertas

Deste xeito, está prevista unha rehabilitación integral do centro que abrangue a limpeza e ventilación dos sotos, a renovación da rede de saneamento, o reforzo da estrutura dos catro andares do edificio, a reparación das cubertas e a mellora da envolvente das fachadas, a substitución da carpintería exterior. Así mesmo tamén se procederá á renovación da sala de caldeiras e de elementos de seguridade contra incendios e central de alarmas entre outros.

Esta actuación forma parte do paquete inversor en infraestruturas de 61,4M€ en total previsto nos Orzamentos de 2021, orientado a favorecer que os centros educativos afonden na excelencia, a modernización e a sustentabilidade.

O IES Valle-Inclán comezou a súa construción no 1908 e, aínda que foi obxecto de varias intervencións ao longo dos últimos anos, a última intervención integral data do ano 1972.