Román Rodríguez destaca un investimento de case 800.000 € na rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe Xulio Camba

Salientou que o seu departamento vai continuar executando melloras nos centros educativos, como a rehabilitación integral desenvolvida neste, ao abeiro dos Orzamentos 2021
Xov, 07/01/2021 - 14:31
v
O conselleiro de Educación visita hoxe o centro vilanovés

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe o CEIP Plurilingüe Xulio Camba (Vilanova de Arousa), onde o seu departamento vén de rematar unha obra de rehabilitación integral por importe de 792.193,05 €. Na visita estivo acompañado polo alcalde, Gonzalo Durán, e pola delegada da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro.

O representante da Xunta destacou que o seu departamento, neste novo ano e coincidindo coa vixencia dos Orzamentos 2021, vai continuar planificando executando melloras nos centros educativos, como a rehabilitación integral desenvolvida neste, co fin de continuar coa renovación das súas instalacións en prol dun maior benestar da comunidade educativa. De feito, as contas de 2021 contan con 55,3M para obras.

Eficiencia enerxética

Boa parte das obras no colexio vilanovés dirixíronse a mellorar a eficiencia enerxética do centro. Para iso cambiouse a antiga cuberta por unha nova de panel sándwich de chapa de aceiro galvanizado con recheo de espuma de poliuretano, así como os canlóns e baixantes. Así mesmo colocáronse paneis de la de roca para o illamento sobre forxado baixo cuberta en ambos edificios e illáronse as súas fachadas de ladrillo visto mediante inxección en cámara de aire de perlas expandidas de EPS e adhesivo. Nos panos de fachada do edificio de infantil, que non son de ladrillo cara vista, empregouse o sistema SATE, con placas de poliestireno expandido EPS.

Así mesmo, colocáronse novas fiestras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo nos dous edificios, e persianas de aluminio con illante térmico interior. Ademais, instaláronse novas luminarias con tecnoloxía LED, equipos de regulación e detección no edificio de educación infantil e na planta baixa do edificio de educación primaria.

Por outra banda melloráronse as instalacións de calefacción, de saneamento, de fontanería e de electricidade, instalouse un ascensor e un aseo adaptado para eliminar as barreiras arquitectónicas do edificio de educación primaria e realizáronse traballos de limpeza e pintado dos paramentos.

A maiores, substituíronse os falsos teitos da planta baixa do edificio de infantil por falso teito rexistrable constituído por panel acústico de la de roca, colocáronse paneis fonoabsorbentes nas estancias deste edificio que carecen de falso teito e reorganizáronse os espazos dentro dos edificios (local de ANPA; salas de psicomotricidade e pedagoxía terapéutica, biblioteca, etc).

Estas obras enmarcáronse no Plan de dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2021. A través del, e do incremento que supuxo o Plan de Reactivación do Sector Construción para a mellora dos Centros Educativos, no ano 2020 un total de 535 actuacións de obra e equipamento por importe de máis de 51 M€.