Carlos Villanueva dona a contía do XXIV Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia á investigación contra a covid-19 na Universidade de Compostela

O galardoado destinará o importe de 6.000 euros á iniciativa de micromecenado Sumo Valor
Mar, 27/10/2020 - 15:39
u

O galardoado co XXIV Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, o catedrático emérito Carlos Villanueva Abelairas, doará a contía deste galardón á investigación contra a covid-19 na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Así o comunicou hoxe no acto de doazón celebrado no Salón Reitoral da universidade compostelá, ao que asistiron o reitor da USC, Antonio López; a secretaria executiva do Grupo Compostela de Universidades, María Teresa Carballeira Rivera, e o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro.

Neste acto privado Carlos Villanueva explicou que non dubidou “á hora de decidir cara onde orientar a doazón” do premio, pois toda a súa traxectoria académica estivo vencellada á institución que a recibirá. En concreto será a iniciativa de micromecenado Sumo Valor da USC a que reciba o importe do premio, de 6.000 euros, que irá destinada a labores de investigación dentro da liña Loita contra a covid-19.

“Esta iniciativa compendia o que foi a miña vida profesional e os temas que me gustaría seguir traballando e apoiando, agora como catedrático emérito. Máxime en tempos de dificultades para todos”, explicou en referencia a Sumo Valor. “Dada a miña condición de persoa de risco na presente pandemia, desexo que se beneficie na medida do posible a investigación relativa á covid-19 e a temas relacionados coa pandemia, emprendidos desde diversos departamentos e laboratorios da USC”, engadiu.

Respecto á doazón, a secretaria executiva do Grupo Compostela de Universidades (GCU), María Teresa Carballeira Rivera, expresou que esta “satisfai dobremente ao GCU, posto que á distinción da excelencia científica do profesor Villanueva súmase agora o recoñecemento da bonhomía, demostrada polo premiado con este xesto altruísta”. Neste mesma liña pronunciouse o reitor da USC, Antonio López, ao considerar que esta decisión engade ás “virtudes” do académico a “xenerosidade” e contribúe a reforzar a idea do importante papel da ciencia e do coñecemento para superar estes momentos singulares. López tamén estimou que a concesión do premio “destaca a súa longa traxectoria, prestixio internacional” e transmite o maior dos respectos académicos “por alguén que se atopa na cima a súa especialidade”.

Pola súa banda, o secretario xeral de Universidades, en representación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, subliñou “a prolífica traxectoria de investigación universitaria” do galardoado, “cunha contribución decisiva á difusión internacional da música vencellada ao Camiño de Santiago e moi particularmente dos instrumentos do Pórtico da Gloria”. Así mesmo, salientou “a importancia do Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia para preservar a cultura xacobea e os seus valores, directamente vencellados á idea dunha Europa común”.

Perfil do galardoado

Carlos Villanueva Abelairas é catedrático de Música da Universidade de Santiago de Compostela desde o ano 2000 e catedrático emérito desde 2020. As súas primeiras liñas de investigación céntranse principalmente na interpretación da música antiga e os instrumentos medievais, e máis adiante na crítica musical, a música española e latinoamericana do século XX, as músicas e exilios, e a música e identidades.

Ademais, as súas publicacións relacionadas cos instrumentos do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela son referentes na musicoloxía internacional e foi codirector do proxecto de construción dos instrumentos deste espazo, patrocinado pola Fundación Barrié de la Maza e desenvovido entre 1990 e 1994. Co obxectivo de dar difusión internacional a este proxecto, levou a cabo xiras por todo o mundo e realizou numerosas gravacións co Grupo de Cámara da Universidade de Santiago de Compostela, recoñecido internacionalmente pola súa especialización en Música Antiga. Con este grupo, que dirixiu de 1977 a 2004, gravou dez discos e contribuíu á divulgación do repertorio musical español dos séculos XII ao XVII no eido internacional.

Na súa extensa produción literaria, destacan as obras El Códice Calixtino y la música de su tiempo, Polifonía jacobea. Los villancicos al Apóstol de José de Vaquedano, El sonido de la piedra (Encuentro sobre instrumentos en el Camino de Santiago), a edición do Cancioneiro Musical de Galicia de Castro Sampedro e Folga e a monografía sobre Víctor Said Armesto. Unha vida e romance.

Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia

Desde a súa creación en 1997 foron galardoadas co Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia persoas e institucións senlleiras procedentes de diferentes eidos. En edicións anteriores o premio recoñeceu o labor de persoeiros como Jacques Santer (1997), Vaclav Havel (1998), Mohamed AlBaradei (2010), o Colexio de Europa (2012) e Marcelino Oreja Aguirre (2017).