O conselleiro de Educación destaca a importancia da corresponsabilidade da comunidade escolar na educación do alumnado para obter a excelencia académica

Vázquez Abad participou na sétima edición do curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela “Novas fronteiras na igualdade de oportunidades: Educar para a igualdade de trato”

Mér, 20/07/2011 - 12:39
O conselleiro de Educación
O conselleiro de Educación destaca a importancia da corresponsabilidade da comunidade escolar na educación do alumnado para obter a excelencia académica

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad destacou hoxe a importancia da corresponsabilidade das familias e de todos os membros da comunidade escolar na educación do alumnado, nunha conferencia impartida no marco do curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela (USC) “Novas fronteiras na igualdade de oportunidades: Educar para a igualdade de trato”, que se está a celebrar en Lalín.

Durante a súa intervención o conselleiro explicou que “tanto as familias como o profesorado son dúas forzas que conseguirán mellores resultados se traballan unidas”, e lembrou que entre o estudantado que obtén mellores resultados están aquelas e aqueles alumnos cuxos proxenitores se involucran en maior grao na súa educación.

Neste sentido, destacou que a nova Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa, que vén de ser aprobada polo Parlamento de Galicia, “permite artellar os mecanismos precisos para garantir a corresponsabilidade das familias na educación do alumnado, a través da súa implicación e participación”. Ademais, dixo que “non se trata, só, de implicar a nais e pais no seguimento das tarefas e os progresos escolares; senón de conseguir que todos os membros da comunidade educativa cheguen a sentir como propio o centro, e que este se converta nunha verdadeira escola de cidadanía, nun espazo onde ensinar e aprender a convivir dende e para a igualdade”.

Clima de convivencia

Vázquez Abad sinalou ademais a importancia de acadar un clima de convivencia nas aulas, que “constitúe un dos elementos máis importantes do bo funcionamento do sistema educativo”. Así, destacou que a Lei de Convivencia é “unha aposta singular”, xa que aborda todos os aspectos relativos á convivencia, tanto os dereitos e deberes, como as condutas contrarias, asa medidas preventivas, o recoñecemento ao profesorado, o acoso escolar e a participación.

Ademais o conselleiro explicou que a nova Lei “constitúe o primeiro referente normativo no ámbito lexislativo español que, ademais de considerar de forma explícita o acoso escolar e, entre os seus diversos tipos, o cyberbulling, permite axilizar os trámites para que as condutas pouco apropiadas poidan ser corrixidas no menor tempo posible e, consecuentemente, se poidan minimizar os seus efectos negativos”.

“Desde a Xunta de Galicia temos claro que a escola debe percibirse como un espazo aberto ás achegas e iniciativas de toda a Comunidade educativa, sendo preciso proporcionar estruturas, espazos e tempos para a participación real das familias, así como a creación dun clima adecuado para a convivencia e a confianza mutua entre a institución escolar e a familiar”, engadiu.

Mellora da sociedade

O curso, recoñecido como formación permanente do profesorado pola Consellería de Educación, é un espazo de debate sobre a educación en igualdade nos ámbitos educativo e social, ademais de servir como encontro de profesionais dos distintos eidos de intervención relacionados coa igualdade de oportunidades, favorecendo o intercambio de prácticas e experiencias.

Desta forma preténdese coñecer a situación da sociedade respecto da consecución da igualdade real de trato para favorecer a sensibilización e o cambio de mentalidade, actitudes e prácticas neste sentido.

No que atinxe ao ámbito educativo, búscase promover a participación e integración entre escola e comunidade a fin de desenvolver accións que permitan detectar os problemas educativos e sociais que os afectan e aportar alternativas de solución que contribúan a mellorar a convivencia en sociedade.