A Consellería de Educación licita por 1.123.154,86 € a rehabilitación enerxética do CPI da Cañiza

A previsión é adxudicar as obras antes de xuño de 2020

Lun, 25/11/2019 - 14:12

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar na plataforma Contratos de Galicia a licitación da rehabilitación enerxética do CPI da Cañiza (A Cañiza) por un importe de  1.123.154,86  €.

A actuación centrarase na mellora da eficiencia enerxética dos diferentes edificios que compoñen o centro. Para iso colocarase illamento exterior continuo tipo SATE de poliestireno expandido EPS, nas fachadas do edificio principal, no de educación primaria e no de educación infantil, ademais do aulario de música; así como inxección aillante en cámara de aire no edificio de ladrillo cara vista.

Ademais substitúense as cubertas por panel sandwich con illante intermedio no aulario principal, aulario de dúas unidades e aulario de música, así como na antiga vivenda do conserxe convertida en sala de caldeiras. E se substitúe a cuberta do patio central do aulario principal por unha cuberta plana autoprotexida, engadindo claraboias nos lucernarios que dan ao comedor principal.​

En canto ás actuacións comúns para todos os edificios, consistirán na renovación das fiestras por carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, e das persianas (coas súas caixas e mecanismos de accionamento) por unhas novas de lamas de aluminio inxectadas con espuma de poliuretano para mellora do seu illamento térmico. Ademais, illaranse todas as cubertas sobre forxado horizontal de cuberta con lá mineral, substituiranse as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética e instalaranse novas caldeiras de biomasa.

Todas estas medidas combinadas suporán un aforro enerxético anual do 75,70% en consumo de enerxía primaria e do 78,90 % en emisións de CO2 no aulario principal; mentres que no de educación Primaria o aforro será do 86,70 % en consumo de enerxía primaria e do 90,20 % en emisións de CO2; no de Música e Psicomotricidade será do 80,60 % en consumo de enerxía primaria e do 82,90 % en emisións de CO2; e no de Infantil será do 70,30 % en consumo de enerxía primaria e do 78,20 % en emisións de CO2.

A maiores está previsto instalar falsos teitos rexistrables constituídos por paneis acústicos autoportantes de lá de roca, reparar e pintar os paramentos interiores e realizar diversas melloras na carpintería interior, decoración e acabados.

Segundo as previsións que manexa a Consellería, o proceso de licitación e adxudicación de obras estará rematado antes do vindeiro xuño de 2020. Os traballos teñen un prazo de execución de 2,5 meses.